Debía estar moi desilusionado o Rei Sabio cando, á volta dunha das súas reais empresas, encontrou á nobreza alborotada, e entón, non exento de certa sorna, escribiu un poema para expresar o seu desexo de renunciar ós campos de batalla, de desfacerse das ataduras do seu manto real e fuxir das insidias da corte:
... mais tragerei un dormón
e irei pela marinha
vendendo azeite e farinha; ...
Porque as dornas sempre deron prestixio a quen as tiña e liberdade a quen as pilotaba.
Non quero asegurar que este dormón fose algún antepasado da dorna que todos coñecemos ou, simplemente, unha barca daquel tempo. Sobre a antigüidade das dornas ninguén ten nada claro, por máis que, encol da súa orixe, a lóxica e a fantasía mestúranse en novelescas lendas.
Quizabes os nomes das moitas pezas que a forman, as cales manteñen un vocabulario de orixe moi anterior ó dos termos mariñeiros actuais, puidera aclarar algo sobre os anos que hai que suca as nosas ribeiras. Nomes como "fura do traste" para designar o oco do pao da vela ou "remadoira de couso" para citar o lugar no que se instala o tolete do remo de babor, trasládannos a unha linguaxe exenta de engadidos alleos; tal sucede tamén co das distintas formas de construíla, de "calime" aquelas nas que as táboas do casco se montan superpostas, tal as tellas do tellado, ou de "tope", para aquelas nas que estas van unidas pero sen montar.
Máis misteriosa é a súa técnica constructiva, na que cada unha das pezas, tal as dun crebacabezas, son elaboradas independentemente, e logo colocadas no lugar preciso; cada unha dunha madeira determinada e dunha forma irrepetible, tan perfecta, que a única evolución constructiva que desde sempre sufriu a dorna foi o reforzo do tope da popa para aguantar un motor fóra-borda.
E foi precisamente esa robusteza das formas, a que posibilitou, durante tantos séculos, que as dúas marxes da ría, na vez de estar separadas polo mar, estivesen por el unidas. Ela serviu de transporte e nexo de unión entre as dúas orelas, traendo ás repoleiras de Vilanova ó mercado da Pobra e levando a mandadeiras como a siña Sinforosa de Rianxo a Carril. A dorna era o vehículo por medio do que as dúas bandas da ría de Arousa formaron durante séculos unha bisbarra natural que, ata non hai moitos anos, tiña en Vilagarcía a súa capital, e as xentes de Ribeira, de Palmeira, da Pobra, de Boiro e de Rianxo, cruzaban o mar para ir ó banco ou ás tendas.
Non era, pois, usada só para a pesca, de onde recibe o sobre nome segundo a arte á que se dedicaba, trasmalleiras, polbeiras ou xeiteiras; a dorna era o medio que abría fronteiras naturais ou, como nos lembra o poema de Afonso X, a que servía para liberarnos de miserias e ataduras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario