A historia de santa Marta ten puntos que nos lembran á feiticeira Medea, aquela que para axudarlle a Xasón a recuperar o vélaro de ouro lle dá a auga máxica onde se molla un ramo de xenebreiro que, sacudido sobre a cara do monstruoso dragón que o custodia, permítelles desposuílo de toda fereza para alcanzar o obxectivo.
Así tamén, unha das representacións máis comúns de santa Marta e pisando ou traendo atado por unha corda a un dragón, chamado Tarascón, que asolaba con múltiples crimes e roubos a bisbarra da actual Marsella, un dragón como símbolo do mal, que ela dominou entrando na cova onde moraba e botándolle auga bendita para amansalo.
E sexa por isto, porque venceu ó maligno que traía a morte a todo un pobo, ou por aquilo que lle dixo a Xesús cando a tres días de ter finado o seu irmán Lázaro increpou ó mestre e amigo con aquela frase tan repetida: “Se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto”, facendo que Xesús obrase un dos máis famosos milagres da súa andaina pola terra, é polo que é invocada por enfermos graves e de difícil curación, que lle ofrecen acudir ó seu santuario de Ribarteme levando como ex-voto o mesmo cadaleito que levarían se finasen, portándoo na procesión, metidos dentro do mesmo, como un defunto que volve á vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario