A grande festa de Galicia reúne peregrinos de todos os países e linguas, que por distintos vieiros veñen a onde se deita o sol para lle render homenaxe a aquel a quen nomean o Fillo do Trono.
Ninguén con dous dedos de fronte pode asegurar quen repousa no que outrora era un campo de estelas, un cemiterio que conservou a memoria dos seus finados e ata os rituais de culto ós mortos que á fin descubriron este sepulcro venerado a través dos séculos. Hai quen pretende asociar un primitivo culto ó sol, seguramente a Apolo, e antes aínda a Bandua, o deus celta relacionado con ríos e fontes, ambos seguramente tiveron onde hoxe está a catedral un lugar de culto. Á fin, Bandua tamén era un deus guerreiro que contaba na Galiza co seu camiño iniciático, para levar ós seus devotos ata algún punto fisterrán onde, segundo as lendas conservadas, se embarcaban para acadar a illa da eterna Xuventude, esa mesma que os irlandeses chaman a Tir Na Gor ou o paraíso.
Pero por méritos de devoción, o apóstolo Santiago fíxose amo e señor de toda unha tradición e acumula en si mesmo lendas e ritos que antes tiveron outros devocionados, tal a de cabalgar na nunca documentada batalla de Clavixo ó lado dos seus fieis, como outrora fixeran Rómulo e Remo na Tarraconense ou Cástor e Pólux no lago Régulo.
E así os devotos do Apóstolo alcúmano o fillo do trono, tal vez sen lembrar que tamén Apolo, deus a quen se invocaba conta a peste, o deus que os gregos asocian con Helios, o deus solar, era fillo daquel que ten como atributo o raio, de Xúpiter.
Preguntarse agora quen está enterrado en Compostela xa non ten maior importancia, quen queira que sexa evoca ó sol, ós tronos, ás fontes e ós exércitos. Chámese como se chame eu prefiro chamarlle o Patrón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario