Empezamos o mes de agosto, tal vez o mes no que máis festas e festexos se concentran, seguramente por ser o mes no que remata o labor da sega, e sempre que se acaba un ciclo, que se recollen os beneficios, é tempo de dar grazas á divindade, pero tamén porque queda máis tempo para relaxarse despois da faena, que ben o di o refrán: “agosto ardeiro, herba no palleiro”. E de feito, moitas da festas patronais traen ós seus protectores dos meses do inverno para festexalos agora que os días son máis longos, e os labores deixan máis tempo para celebralos.
Xa na cultura castrexa e celta era este o mes do Lugnasad, en honor de Lug, a quen festexaban cando se comezaba a colleita; un vocábulo que nas distintas acepcións tanto pode significar xogo como asemblea, durante a cal, o cabeza de familia, coa testa descuberta, cortaba un feixe de cereal que lle ofrecía ó sol entoando unha especie de oración ou “saúdo do segador”, unha festa que, segundo a tradición celta, instituíra o propio Lug en honor de súa nai Tailtiu, a deusa da natureza.
No calendario cristián este mes está dedicado á Virxe María, na súa advocación da Asunción, seguramente para desbotar a Ceres, a deusa romana da agricultura.
Pero aínda que esta é a festa principal, outras máis irán complementado este mes no que seguiremos loitando contra enfermidades e catástrofes tales como os lumes.
Vaiamos pois camiñando por este mes de festa, calor e recolla dos bens da terra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario