E se ben o máis lóxico, para calquera mariñeiro, sería, vindo de Palestina atracar nalgún punto do Mediterráneo ibérico, e logo buscar camposanto camiñando por terra, os discípulos de Santiago, desafiando os perigos e temores de todos os mariños daquel tempo, viñeron dando a volta polo mar Tenebroso, o temido mar da antigüidade e desafiando, asemade, as correntes cara as abismais cataratas da fin do mundo, nunha perigosa barca de pedra; e non lle bastou ver algunha punta de terra ou cabo da costa para rematar a perigosa singradura, senón que aínda chegaron a Padrón, amarraron a súa inestable embarcación a un poste que algunha vez foi usado para cultos pagáns e desafiaron a maldade da raíña Lupa, amansando os bois bravos con que ela quería enganalos.
Son moitos os santos e non tan santos que retornaron a Galicia por mar en viaxes cargadas de fantasía e misterio.
Falta unha detallada historia da odisea apostólica, con ese corpo decapitado que se mantén intacto ata encontrar o repouso eterno. Só coñecemos a última parte da viaxe, desde o intre en que albiscan terras galegas, o momento no que un cabaleiro, vendo pasar a embarcación quere acercarse a ela para ver que levan e metido ó mar co seu cabalo non a dá alcanzado, e ó saír, atópase cuberto de cunchas de vieira. E logo todo o que os seus discípulos han de soportar para trasladar o corpo santo en rota inversa á que seguían os devotos de Bandua, que se estes ían de terra para o mar, o Apóstolo viña do mar para terra a dentro. E amansa bois e dragóns, cura pestes e outras enfermidades.
Non imos dar aquí as múltiples versións sobre a simboloxía de cada etapa, e de cada candidato a ocupar a santa tumba de Compostela, nin o por que de dar ese rodeo ata o Pico Sacro, pero é evidente que quen alí descansa ten moita historia detrás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario