xoves, 14 de marzo de 2019

O QUE QUEDA DESPOIS DE SETENTA ANOS


Por Pepe de Rocaforte
Buscando un verso, recordo dunha lectura infantil que estes días me andaba a voltas na cabeza, abrín despois de moito tempo o “Nosotros”, un libro dirixido a escolares de cinco anos para adiante se xulgo por cando eu o lin.
O verso non estaba nese libro, pero as historias e os debuxos con que me reencontrei en “Nosotros” resultáronme tan familiares como se as acabase de ler onte. Alí volvín ver as primeiras poesías que lin na miña vida. Poemiñas de Meléndez Valdés, de Lorenzo Guardiola Tomás, de Emiliano Ramírez Ángel, Juana de Ibarbourou, Amado Nervo, Gabriela Mistral, Antonio Machado. Si, Antonio Machado nun libro de lecturas da escola franquista, como se pode ver na ilustración que acompaño. E se o poema non é significativo politicamente, o só nome de Machado resulta bastante indicativo.
Púxenme entón a buscar en internet datos sobre o autor, Quiliano Blanco Hernando, e non atopei moita información, pero a suficiente en todo caso para me dar unha idea de quen era este señor, nacido en Burgos e mestre nacional en Burgohondo (Ávila) no primeiro terzo do século XX.
A fins dos anos vinte dese século a editorial estremeña Sánchez Rodrigo convocou un concurso, cun premio de cen pesetas en libros, que lle foi concedido a Quiliano Blanco, polo traballo titulado “¿Cómo debe ser el libro que se use en las escuelas para primeras lecturas?”, un texto que serviría de base para a redacción de “Nosotros”.

“Quiliano”, leo noutra información, “non era só un bo mestre, promovía iniciativas pedagóxicas, impartía cursos a outros mestres e era membro fundador de asociacións docentes”. En 1932 acompañou a Luís Cernuda nas Misións Pedagóxicas en Serranillos, na provincia de Ávila, e deste feito pódense ver unhas curiosas fotografías en flickr, así como algúns datos máis sobre o autor de “Nosotros”.
Para rematar citarei unha frase, da autoría dun tal Lorenzo Peña, nun libro titulado “¡Abajo la oligarquía! ¡Muera el imperialismo yanki! Anhelos y decepciones de un antifascista revolucionario”, título de por si bastante explicativo: “O autor desta antoloxía escolar [“Rueda de espejos”]”, di o tal Lorenzo, “era un tal Quiliano ou Quintiliano Blanco Hernando”. Parágrafo que se pode complementar con outro de Fernando Romera, que tamén saco de internet: “Cabería preguntarse que foi daquelo [as Misións Pedagóxicas] cando o seu traballo non se recorda setenta anos despois”.
E si, parece certo que pouca cousa vai quedando de todo aquelo na memoria. ¡Que pena!

2 comentarios:

  1. Quiliano Blanco fue como tantos maestros de la II República un enamorado de su profesión, muy influenciado por la pedagogía de la Institución Libre de Enseñanza. Querían llevar al abandonado mundo rural la cultura que se le había negado. Fue apartado de su cargo, sus libros prohibidos como todo lo que olia a la ILE, y por suerte no fue fusilado como muchos de su compañeros maestros de Avila. Muchos años mas tarde fue restituido y se intuye que con una familia que mantener no le queda mas remedio que seguir con su labor y tragar con el sapo de la censura.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Coñezo, por experiencia familiar, como se depuraron en 1936 tantos mestres nacionais. Só pola miña lectura de "Nosotros" coincido con vostede na certeza do amor que Quiliano Blanco debeu sentir pola súa profesión, e o manter ese libro vivo na memoria, aínda que pequena, é a mellor mostra que podo ofrecer.

      Eliminar