xoves, 20 de febreiro de 2020

A GORDECHA NA DILIXENCIA


Por Pepe de Rocaforte

   
         Despois de ver nestes días pasados a película de John Ford “A dilixencia”, unha das grandes da historia do cine, pensei escribir algo sobre a intertextualidade entre dúas obras mestras, unha da cinematografía, a que acabo de citar, e outra da narrativa, “Boule de suif”, neste caso, un dos mellores relatos de Guy de Maupassant, autor plaxiado en tantas ocasións que xa se perde a conta. Por certo, entre os seus plaxiarios compriría destacar a Gabriele D’Annunzio, quen chegou ó punto de reproducir literalmente varios dos seus textos, dándoos como propios. E entre nós, o mesmo Valle Inclán, no relato “Octavia Santino”, que figura no seu primeiro libro, “Femeninas”, reproduce liña por liña o final da novela “Fort comme la mort”.
            Para ver a relación existente entre “A dilixencia” e “Bola de sebo” non é preciso fixarse moito. Teñen en común unha viaxe en dilixencia atravesando un territorio que se pode volver perigoso para os viaxeiros en calquera momento; no caso do filme de Ford, por un inminente ataque dos apaches baixo o mando de Xerónimo; no caso do relato de Maupassant por se tratar dun grupo de franceses escapando camiño de Le Havre por lugares baixo o dominio das forzas invasoras durante a guerra franco-prusiana de 1870.

            Coinciden ademais as personaxes de Isabel Rousset “Bola de Sebo” no caso francés, e Dallas no norteamericano, prostitutas ámbalas dúas, con quen o resto dos viaxeiros e, principalmente, viaxeiras procuran non ter relación. No transcurso das historias, Dallas romperá en parte ese valo que a separa dos restantes viaxeiros da dilixencia cando se pon de parto a esposa dun militar que se ía reunir co marido, destinado nun forte da fronteira. No caso da “Gordecha” (gústame chamarlle así, tal vez porque cando lin o relato por primeira vez, nunha versión castelá, titulárano “La Gordita”).  A Gordecha, digo, tense que enfrentar a unha situación máis dramática e de maior altura literaria: detida a dilixencia en Totes por un destacamento prusiano, o oficial ó seu mando trata de obrigar á Gordecha a ir durmir con el ó seu cuarto, e ó se negar ela, decide non deixar proseguir viaxe á dilixencia.
     
       Despois xa hai outras tramas laterais, de escasa importancia en “Bola de sebo”, e máis perfiladas na “Dilixencia”, que veñen menos ó caso do que eu quería tratar. Pero cando, como é de rigor, botei unha ollada pola wikipedia, onde din que a obra en que se inspirou o filme foi o relato "The Stage to Lordsburg", de Ernest Haycox, xa o asunto deu unha volta inesperada para a miña intención.
            Non puiden atopar o relato de Haycox, nin moita información máis sobre ese autor. So que foi un estimable escritor de relatos curtos e novelas e que, estando no exército estadounidense, no ano 1915 fora destinado a Francia, onde pasara dous anos.
            Deixo de lado entón o xardín en que me ía meter arredor do plaxio, a recreación e a intertextualidade. Xa haberá máis adiante algunha outra ocasión para volver sobre o asunto. E se non, tampouco non pasa nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario