Maroñas en Montevideo
O
Curmán de Undochán
En 1742 e na Baña, Val de Barcala,
nace Francisco Maroñas Manteiga. O seu apelido paterno sería orixinario da
cercana parroquia de Santa María de Maroñas, no actual municipio de Mazaricos e
Terra de Xallas, e non da outra Maroñas, ben máis lonxe, aldea da freguesía de
Obre, no concello de Noia.
Hipódromo
Nacional de Maroñas
– Montevideo
|
A filla, María Francisca Maroñas Espíndola,
xa viuva, adquire do dominio público, en 1834, as terras que hoxe comprenden a
zona nordeste da capital uruguaia onde se dá un abano de variantes do topónimo:
Curva de Maroñas, barrio Flor de Maroñas, os clubs deportivos Defensores de
Maroñas e Maroñas F.C., e o máis importante do todos, o Hipódromo Nacional de
Maroñas, o primeiro do país, coas suas sedes urbanas de xogos, baixo a firma
Maroñas Entertainment (ver Crónica 18).
Nesa Maroñas galega serán poucos ou
se cadra ningún quen saiban da importancia que o nome da sua aldeíña alcanzou
alén mar. E aquí menos (uns poucos si, por obra do meu curmán Un) son os que
saben que nome tan popular provén de Galicia. Non virá directamente da
parroquia, mais si do individuo que trouxo como apelido tal topónimo aquén
océano.
Que dicir da “linda Maroñas” que
poetizou o noso bardo Pondal? Apenas coñecida por un fato de galegos do Uruguai
que, nalgún momento, deberon dar noticia do poeta para que lle dedicasen unha
rua montevideana no barrio de Sayago, moi próxima, por certo, ao grande
sanatorio de Casa de Galicia, na mesma zona onde se sitúan as xa mencionadas
ruas Follas Novas e Cantares Gallegos.
Quen lle ía dicir ao
galego don Pancho, controlador do tabaco e do xogo e os seus productos fiscais,
como funcionario da administración colonial española, que o seu nome iría
asociado, un século despóis, a un lugar de deporte, si, mais tamén de xogo
–“burreros” chámaselle aos afeizoados ás carreiras de cabalos-, nunha nova
república que el non chegou a ver!
“Maroñas, virgen
intrépida/ de magestüoso andar/das fillas dos nobres celtas/ a máis valente, en
verdá” (Pondal: “Queixumes dos pinos”).
Ningún comentario:
Publicar un comentario