Nomes de pía
uruguaios
O Curmán de Undochán
Cómo as palabras nos levan e traen a
escenarios ou tempos da nosa memoria, unha areíña entre a memoria colectiva. O
Darwin da crónica anterior fíxome lembrar este nome de pía utilizado neste
país… e levoume a outros. Entón achei oportuno dar un pantallazo sobre
determinados nomes que eran habituais aquí, poñamos, nos séculos pasados, entre
1860 e 1960, val dicir, clásicos, depóis, na sua maioría, caídos en desgraza e
tristemente suplantados por outros, sempre alleos ao xenio local e, por iso e
por ignorancia, frecuentemente malescritos… como, na realidade, acontece tamén
aí e dos que aforro exemplos por seren de xeral coñecemento.
Mais
esta nosa descalificación da estrafalaria onomástica contemporánea non implica
unha aceptación daquela anterior, que apenas tratamos como un elemento máis
para albiscarmos a idiosincrasia destes países novos, polo seu esnobismo pro
europeo de entón obxecto pasivo das e compracente coas influencias alleas de
todo tipo, non sempre adoptadas con cabal comprensión do seu significado.
Con apelidos como os
ingleses Darwin, Nelson e Milton, ou nomes como Winston, ou os ianquis Edison,
Franklin, Lincoln, Wilson ou Washigton -especialmente favorito-, todos da mesma
orixe lingüística, foron inscritos uruguaíños nados naquel período que hoxe
“peinan canas” ou xa non están, por pais admiradores de tales persoeiros.
En
troques, para as nenas privaron nomes da Música, como Aída, Norma ou Zelmira
(en tempos nos que a ópera causaba furor, mesmo traída ao Prata desde Europa),
ou da Literatura, tales Haydée, Mireya ou Renée (Renata, compartido co
masculino René, de Chateaubriand).
En
concordancia, houbo centos de nenos chamados Homero e Dante (particularmente en
familias itálicas), Milton (xa citado) ou Bécquer… Varóns eran os esperables
portadores de nomes (apelidos como case todos os anteriores) políticos tales
Litvinoff (pais comunistas) ou Barret (de anarquistas), ou mesmo, de heróis ou
deuses gregos: Aquiles, Héctor, Alcides, Néstor, Héctor, Helios ou Hermes… e
até romanos, como o comunísimo Julio César… sen que faltasen os numerosos
Aníbal e Asdrúbal cartaxineses!
E,
xa que estamos na Historia antiga, non citemos os Ciros e Daríos. Claro é que
Darío pode vir do grande Rubén… Rubén que
aquí, cando procedente da biblia hebrea, se acentuaba Rúben. Como de tal
mamotreto se derivaban nomes femeninos moitiños: Agar, Edith, Judith, Esther,
Myriam ou Noemi (canto máis rebuscada a versión, mellor)… máis modernamente a
conviviren cos xermánicos Loreley ou Ilse… non faltando outros anglosaxóns de
actrices como Shirley, Doris e os diminutivos Betty e o seudoinglés Zully (por
Zulema).
Para
compensar, homes houbo chamados Rubens ou Schubert; tamén tributarios dos
heróis nacionais (Artigas, Lavalleja) ou da rexión (Bolívar) –aquí fago aforro
daqueles da crónica 6-, ou evocadores de individuos reáis e/ou personaxes
literarios autóctonos como Tabaré, Abayubá, Yamandú… mesmo de árbores (e vilas)
tal Sarandí, non ficando atrás as mulleres de nomes indíxenas: Gualconda ou
Liropeya.
Outros
moitos, non sempre explicábeis: Gladys (disque galés), Brenda (xermánico), Mirta
(grego), Mabel, Irma, Liliana/Lilián, Nelly, Nancy (polo topónimo francés, mais
pronunciado grave), ou Selva, xunto a masculinos como Edgard/o, Heber, Ariel
(hebreo), Óscar (escandinavo), Omar (árabe), Fredy (dim. de Alfredo ou
Frederico)…moitos deles consustanciados de tal xeito co país que é difícil non
sacar un uruguaio polo nome de pía que o identifica de vez.
E,
para finalizar, os agardables Uruguay e Uruguaya, como, noutra orde, Ítalo ou
Italia, mesmo España… Un nome moi uruguaiano foi e é Walter, como o foi
Gualberto, ambos seique xermánicos, mais seguindo normas diferentes na sua
transcripción, poisque o primeiro ben puido implantarse como Gualterio…
Dito ou refrán considerado crioulo: ¿Para
qué decir Gre-Gre/ pudiendo decir Gregorio? (pedindo contundencia ou claridade
expresiva ao outro que afirma algo a medias).
Ningún comentario:
Publicar un comentario