De cando Telémaco entra no cíber-café
Pilos e dalgún xeito é valorado por quen alí está.
Despois
de intentalo co ordenador da casa sen achar resultados, Telémaco entra no
cíber-café Pilos, onde Néstor señorea detrás dun mostrador ameado de monitores
e billas de cervexa, da man de Atenea, a quen o xerente saúda cun par de bicos
e ó cativo cunhas festas na caluga, mentres ela llo presenta como un alumno
interesado en algo máis cós xogos de come-cocos.
Néstor
mírao con ollos estraños, e pregúntalle polo tipo de aparello que ten, para ver
ata onde é capaz de chegar, pois non é normal nun rapaz de doce anos que veña
preguntarlle a un vello canoso polo uso ou manexo de ningún aparello
electrónico. E si, o rapaz sabe falar coa linguaxe técnica, pero o ordenador da
casa ten algúns anos de desfase tecnolóxico, polo que, para ver que mañas se dá
co teclado, indícalle un posto en cuxo monitor se amosa un menú cunha longa
relación de xogos. Telémaco deixa que o
xerente lle poña, a modo de exame, unha historia de guerra na que ha de evitar
ós inimigos para liberar a unha princesa. “A ver como te manexas con este”, e
antes de que a mestra lle acabe de contar ó seu amigo os plans que ten de cara
ás vindeiras vacacións, xa a musiquiña do éxito da misión liberadora inunda a
sala e o Néstor queda sorprendido.
-Este
cativo é moi esperto –dille a Atenea nun apartado.
E
entón ela cóntalle que o rapaz vén sendo fillo de Ulises o Allo, “aquel que marchou
a conquistar o mundo e non volveu dar cadras de si”; e como ademais de esperto
é curioso e ousado, ata o punto de que a razón de traelo ó cíber é para que lle
ensine a procurar información referente a seu pai, por se aparece nalgunha
páxina da rede, e daquela o xerente, antes de opinar, xa teclea o nome do
emigrante pero non atopa nada que o leve a sospeitar que se trate del. Busca
nas distintas redes sociais, tamén sen éxito, e entende que para esas cousas un
vello sempre é un estorbo e mellor será poñer ó seu lado a outro cativo, igual
de imberbe pero algo máis adiantado nos dominios de Internet, e preséntalle ó
seu fillo Pisístrato, que só é un par de anos máis vello, e entre eles
entenderanse mellor na hora de ensinar e aprender os rudimentos da informática
e os seus vieiros.
Pisístrato,
que non ten ambicións docentes pero si a presunción de adiantado, senta a carón
do cativo, con poucas ganas de perder o tempo con asuntos que non lle
interesan, e pregúntalle que quere
saber.
-Como
buscar cousas e persoas en Internet.
-Tan
doado como teclear o seu nome. -E daquela, Pisístrato teclea nomes famosos do
deporte, da música e da historia, para demostrarlle o doado que é, pero iso
Telémaco xa o sabe.
-¿E
a unha persoa da familia?.
-¿E
ese familiar é famoso?
-Non
creo. É un emigrante e coma el hai moitos.
-¿E
quen é?
-É
meu pai.
-¿E
como se chama teu pai?.
-Ulises
de Ítaca.
Nese
preciso intre en que Telémaco pronuncia o nome paterno, entraba pola porta
Hermes, quen recorda a aquel que foi amigo seu nos anos da mocidade e de quen
perdeu todo rastro desde que abandonou as aulas da Escola de Arquitectura e el
aprobou as oposicións ó Corpo Nacional de Policía, e confirma con Atenea de
quen vén sendo o cativo, incluíndo ó avó Laertes, a quen o inspector coñece moi
ben por razóns que agora non é necesario nin prudente explicar, un empresario
prematuramente avellentado, quen, desde que se lle foi o fillo, parece
desganado da vida e deixa o negocio da batea e a depuradora nas mans de Eumeo,
o seu fiel empregado.
Mentres
tanto, mentres os maiores axuízan e murmuran, os rapaces seguen tratando de
encontrar algunha referencia, navegando polas tenebrosas nubes do
inter-espacio, pero ningún dos Ulises que aparecen é o que eles buscan, polo
que Pisístrato lle recomenda intentalo con algunha outra referencia para
acoutar a procura.
-¿Como
que?
-Algún
feito sobresaínte da súa vida. Algo polo que algunha vez falaron del nos
periódicos, por exemplo.
-Meu
pai é unha persoa normal.
Mentres
os cativos teclean a súa procura, desde a barra do cíber, Hermes, Néstor e
Atenea non poden evitar miralos nese embeleso, cos ollos cravados na pantalla.
-É
cuspidiño a seu pai.
-En
todo –confirma a mestra e engade: -Agardemos que non o imite nos erros por
aquel cometidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario