xoves, 27 de febreiro de 2020

O HOTEL SEVILLA


Por Pepe de Rocaforte
            Este hotel da Habana é o único, dos visitados por min, onde os clientes reciben un folleto coa súa historia e unha lista de persoas famosas que alí se hospedaron. O hotel está situado na rúa Trocadero (un recordo para Lezama Lima), esquina co Paseo do Prado, a escasa distancia do Centro Galego, posteriormente Teatro García Lorca, na actualidade Teatro Nacional Alicia Alonso, e do Capitolio. Por outra parte ten próximo o castelo da Punta, xunto ó canal de entrada da baía da Habana e preto tamén do inicio do Malecón.
            Inaugurado en1908, o hotel é obra dos arquitectos Antonio e Rogelio Rodríguez, que se inspiraron na feitura do Patio dos Leóns da Alhambra de Granada. A principios dos anos 20 do século pasado foi comprado pola compañía norteamericana Bowman Hotels, quen tamén mercou o edificio do lado (en principio destinado a hospital, pero que non puido abrir como tal por falta de autorización para obter unha zona de silencio nunha área tan populosa). Uníronse os dous edificios e en 1924 re-inaugurouse co novo nome de Hotel Sevilla Biltmore.
            Posteriormente, en 1939, un uruguaio de pasado turbio vinculado co mundo do crime, Amleto Battisti y Lora, fíxose coa propiedade do negocio, que mantivo ata 1959, cando co triunfo da Revolución foi destinado a escola de hostalería, para despois dunha renovación case completa, abrir de novo as súas portas “co esplendor que sempre o caracterizou”.
  
          Da lista de hóspedes famosos do Hotel Sevilla entresaco algúns dos nomes máis coñecidos para nós: Georges Simenon, o creador do Comisario Maigret. Vicente Blasco Ibáñez, que en “La vuelta al mundo de un novelista” relata a súa estancia no hotel. Enrico Caruso, quen durante a representación de “Aida” no Teatro Nacional da Habana, en 1920, ó sentir a detonación dun explosivo escapou do teatro para o hotel, onde apareceu na recepción coa vestimenta de Radamés. Merle Oberon, actriz de cine, famosa polas súas interpretacións en “Cumios Borrascosos” ou “Desirée”. Libertad Lamarque, actriz arxentina, coñecida como “A noiva de América”. Jorge Negrete, cantante mexicano que na Habana recibiu un traxe de mariachi co escudo nacional de Cuba. David Alfaro Siqueiros, o muralista mexicano, quen para pagar a súa estancia pintou dous murais no “Roof Garden” do hotel. Lola Flores e Imperio Argentina, cantantes españolas. Joe Louis e Luis Ángel Firpo, ambos campións mundiais de boxeo na categoría dos pesos pesados. O compositor e pianista Ernesto Lecuona. Dámaso Pérez Prado, coñecido como “O Rei do Mambo”. Juan Bosch, ex-presidente da República Dominicana. Arnulfo Arias, ex-presidente de Panamá...
            Á vedette Joséphine Baker, bailarina, cantante e actriz norteamericana, fóralle denegada a estancia no Hotel Nacional por ser negra, o cal lle deu ocasión ós propietarios do Hotel Sevilla para convidala como “hóspede ilustre” do seu establecemento. E xa para rematar citarei a Santo Trafficante, mafioso norteamericano que viviu dous anos no hotel. A Lucky Luciano. E Al Capone, quen viaxaba a Cuba cunha comitiva que ocupaba unha planta enteira do hotel.
            A min, ¿como obsequio de desagravio? por un sucedido que ó mellor conto outro día, ofrecéronme a habitación 615, o mesmo cuarto e a mesma planta no seu tempo ocupada polo famoso Capone.

Ningún comentario:

Publicar un comentario