sábado, 22 de febreiro de 2020

Medicamento e negocio



      Ninguén pon en dúbida a importancia das empresas farmacéuticas. Sen elas ata ter un catarro sería un problema. Elas contribúen en grande medida á mellora da calidade de vida. Pero se o ser farmacéuticas implica un ben para a sociedade, o ser empresa é un problema que leva ós seus directivos a sopesar que é máis importante, se evitar o sufrimento dos paisanos ou engordar a conta de beneficios dos seus conselleiros, socios e inversores. Claro que, a pesares de que a saúde non debería ser un negocio, calquera empresario ten como premisa fabricar cos menores costes e vender coa maior ganancia en función da necesidade do demandante, sexa paciente ou desesperado doente.
      Reflexionaba así o amigo Xulio no noso parladoiro dos xoves, despois de ler a inmoral proposta dun laboratorio suízo, disfrazando de filantrópica oferta a bárbara idea de rifar entre varios nenos con atrofia muscular o medicamento para curala, como se fose un xogo de azar na tómbola das festas do verán. Cando saíu a noticia, a primeiros de ano, pensabamos que non era máis ca un deses rumores que se soltan para denunciar a deshumanización da sociedade, pero o proceso xa comezou hai uns días, como se dunha ruleta rusa se tratase. É xusto ganar a medicina cun concurso?
      Alguén no parladoiro lembrou aquel sorteo do señor Willy Wonka, para visitar a súa fábrica de chocolate, e onde, por certo, o lambón, o vaidoso, o avaricioso ou o presuntuoso conseguen se grandes esforzos o seu pase, e acaban castigados por falta de humildade, por egoístas ou por insolidarios. Pero aquel era un conto, unha ficción, e este non. Este, como toda lotería, carece dunhas normas mínimas de xustiza, tratando de lavar a cara duns empresarios que xa de antemán subiron o prezo de venda do medicamento moi por encima dos costes de fabricación, con esa lei do bo feirante: Quen o queira que o pague e canta máis demanda máis caro. Logo do anuncio virá o nome do gañador publicado e publicitado en todos os medios, e o descontrol do mercado creando demanda e subindo as acción da farmacéutica.

      O consello é sempre o mesmo: coa saúde non se xoga. Pero a gravidade do asunto non só está no máis ou menos caro que pode saír un medicamento, senón en que, dependendo da demanda, da necesidade ou da desesperación do necesitado, o seu prezo sube sen gardar proporción de ningún tipo cos costes de fabricación, disparando o custo, neste caso, a máis do dobre do que custa fabricalo e limitando así o acceso ó mesmo en función da economía do paciente que teña a desgracia de padecer a enfermidade. E para o pertinente “mercadeo”, o sorteo vai ser cobizado e pagado a costa dos doentes.
 A literatura e o cine amósannos a inxustiza destes negocios cando teñen 

como único marco a conta de beneficios e a falta de escrúpulos.
      A realidade non é ningunha ficción. Novelas como “O xardineiro fiel” de John Le Carre, poñen sobre o papel o uso inadecuado das probas médicas en lugares onde os gobernos non teñen peso de ningún tipo, pero neste caso falamos dunha empresa domiciliada nun país supostamente dos máis humanizados e solidarios en pleno centro de Europa, e dun medicamento necesario para moitos nenos condenados a unha vida de total dependencia.
      Alguén debería fixarse menos na conta de beneficios e máis no beneficio social.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario