luns, 17 de febreiro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (58)


Miñenses en Montevideo – No bicentenario de dona Concha
O Curmán de Undochán

     O dato pintoresco da “Ciudad de Astorga” (Crónica 45), confundindo o territorio do bispado coa cidade sede, ten dado e segue a dar apreciacións erróneas, máxime neste país de organización simple (a raíz da sua cativa demografía e do seu carácter laico), onde o concepto territorial de diócese non ten uso documental, como xa non o ten aí, nos tempos que corren. (Ainda nestes anos implantáronse os actuáis municipios, subdivisión dos departamentos, que eran os municipios ata agora, algún destes, como o de Tacuarembó cunha superficie equivalente a media Galicia).

Pazo de Bañobre (Castro-Miño). “Armas de Jvan Martínez Tenreiro i de su muger
María Piñeiro de Lago”. Deseño do finado amigo Xosé-Antón García González-Ledo

      Outro cantar cantábase, en falando de España, nos séculos anteriores á creación das provincias e dos municipios ruráis, estes aglutinando parroquias ou freguesías. Así é como, a estarmos na documentación hispana do XVIII e primeiro tercio do XIX, que é a que atinxía a aqueles galegos primeiros inmigrantes nestas terras, é frecuente constar: “natural del obispado de Mondoñedo, en el reino de Galicia”, e así sempre. Entón aquí, os descendentes, a procuraren raíces, interpretaban neste caso “Mondoñedo”, pensando na cidade. Isto no tocante aos uruguaios de ancestros galegos. Porque logo están os propios connacionáis nosos a camuflaren a sua aldea natal en beneficio da vila máis cercana: así aconteceunos co histórico editor A. Barreiro y Ramos, que se dicía da Laracha… sendo como era dunha freguesía larachesa, a de Vilaño.
      Voltando aos descendentes, aí temos o caso do actual presidente da República, Tabaré Vázquez, de quen se dicía, e dio el mesmo: abós paternos Vázquez Edreira de Ourense e de Santiago, cando, na realidade, eran de Vilar de Astrés (municipio e diócese de Ourense, Vázquez) e de Requián (concello de Betanzos e diócese de Santiago, Edreira).
      Caso ben máis recuado évos o do considerado primeiro boticario de Montevideo: Gabriel Piedracueva, do “obispado de Santiago” ou da “provincia de Betanzos” (nesta mención xa con cariz laico e aparente concreción)… non mentindo, dado que o bó do home era de Bemantes-Miño (1736), daquela na vella provincia betanceira; sendo a sua condición fidalga e o apelido ancestral Pedracova. Descendentes Vázquez Piedracueva chegan ata hoxe, con persoeiros destacados no século XIX, por sua volta procedentes dun Vázquez de Tapia-Ames… mais mesmo hai Piedracueva de primeiro.
      Outro miñense houbo, este de Leiro (1754), emigrado ao futuro Uruguai, tal Pedro José Díaz quen, casado coa coruñesa circunstancial María Jordán (Giordano), deu orixe a numerosa familia, con membros importantes nas duas centurias pasadas. Fillo seu foi “Don Pascualón”, rico comerciante e neto o intelectual Teófilo E. Díaz… así como tataranetas as primeiras beatas uruguaianas da Igrexa Católica, Dolores e Consuelo Aguiar-Mella Díaz, asasinadas no Madrid do 36.
      E velaí que a nosa amiga Sabela púxonos, via mail, na pista doutro leirense, este adoptivo, cal foi o cántabro Ángel del Arenal, pai da egrexia dona Concha, morto el alí e sepultado na desaparecida igrexa vella en 1828; ainda lembrado nestes anos nos dicires da parroquia, por ter morado na chamada “casa do ministro” (na realidade militar)… e é que dalí era sua dona, Concepción Ponte Tenreiro, familiar destes Tenreiro miñenses cuxas armas se poden apreciar na ilustración debida ao finado amigo Xosé-Antón. (Hoxe podemos confirmar que a rua montevideana a C. Arenal -Crónica 46- foi posta xa en 1923).


Nesta alegoría (detalle) do español Pablo Serrano, sita na entrada de Casa de Galicia, o labrego (primeiro da esquerda) retrata a Antón Crestar
      Modernamente (de 1896) temos un miñense da propia cabeza do municipio, con imprescindíbel actuación no Montevideo do exilio galego, o xa citado Antón Crestar (Crónica 4), o único non nado na desaparecida provincia de Betanzos, con quen completamos este variopinto cuarteto.

Algúns apodos típicos daquí: Pelusa (fem.) e Bocha (masc., pola cabeciña dos cativos); Cacho, Coco e Coca, Toto e Tota; Cholo, Pocholo e Chola; Pibe e Piba; Bebe e Beba; Nene e Nena (os fillos primoxénitos) e Chiquita (a máis nova); Chiche e Chicha, e máis Chichí e Chichita; Pocho e Pocha (sic); Viejo e Vieja (afect. para pais e cónxuxes); Negro e Negra (afect. non racial); China e Chino (en orixe, por faccións de tipo mestizo, despóis afect.); Morocha e Morocho, Flaco e Flaca, Gordo e Gorda… (sempre afectuosamente , como é o caso de Gallego e Gallega…).



Ningún comentario:

Publicar un comentario