luns, 24 de febreiro de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (59)


Galegos con apelidos non galegos

                    O Curmán de Undochán

Eminente xurista, neto dun coruñés de Oza     
    Como diría miña nai: Un tolo fai un cento!, e é que meu curmán Un, de un tempo acá contaxioume esa cousa que el chama Onomatoloxía e que, alén de ser susceptíbel de tolemia –como as moitas leituras para o Sr. Quijano, q.d.g.-, levado con tino pode dar algunha que outra sorpresa e aportarnos máis de unha satisfacción.
    Foi el que me deu pé a pousar a atención nos apelidos non nosos que levan moitos galegos, poisque, como afirma o Un, Galicia é, de lonxe, país de emigración, mais tamén é e foi, como costeiro dos océanos, destino de inmigrantes doutras ribeiras ou vales da Europa: irmáns portugueses (disque Dos Santos), curmáns asturianos (Aller), cataláns (Massó) e bascos (Murguía), astorganos (Macías), riojanos (Risco)… mesmo italianos (Companioni) e franceses (Barrié)… E eses apelidos foráneos, co tempo naturalizados entre nós, tamén emigraron a estas Américas.
Victorino Abente y Lago
     Así, polo que ao Uruguai toca, temos, xa desde cedo, xente como os coruñeses Bernardo Lecocq, José Pérez Brito e Juan Ximénez de Aréchaga (este de S.M. de Oza), nados, respectivamente, en 1736, 1753 e 1780, e deles somente o primeiro –como tamén seu fillo criollo Francisco- con destaque persoal, limitándose os restantes a crear familias, a operaren, xunto coas mulleres, como o que se dá en chamar xenearcas… sendo os tres de pais non galegos, os do primeiro absolutamente estranxeiros e o último actuante xa no século XIX.
    Deste XIX e máis do XX é o resto de personaxes galegos que traemos hoxe e  que tiveron aquí presenza máis ou menos destacada, eles ou seus fillos. Seguen, en orde cronolóxica aproximada, o tamén noso coñecido filántropo coruñés Joaquín de la Sagra (de 1784) e José Williman Lugrís (de Mera, 1819, pai dun presidente da República; outro Lugrís posterior sería ancestro do actual embaixador uruguaio na China, Fernando Lugrís).
    Logo temos aos irmáns laxeses Juega (Joaquín, de 1823, e Ramón, de 1845, aquel exitoso comerciante, este médico), ao lexicógrafo vigués, tamén xa citado, Daniel Granada e ao esquecido e pioneiro fotógrafo A. Cousillas (titular da Compañía Fotográfica La Oriental, operante en Montevideo, 1894), de quen nen o nome sabemos.
Eladio Dieste (neto)

   Despóis virán ao Uruguai os irmáns paraguaios Luis e Fernando Abente Haedo (de 1879 e 1893), respectivamente diplomático e médico, fillos do médico e poeta muxián, radicado no país guaraní, Victorino Abente y Lago (irmán este de Ezequiel, o que lle deu nome ao hospital coruñés), e máis o pontevedrés Eladio Dieste Muriel, pai dos escritores Eduardo e Rafael, abó do mundialmente coñecido enxeñeiro-arquitecto uruguaiano Eladio Dieste (de 1917).
 A Eladio Dieste (neto) dedicóuselle o Dia do Patrimonio 2006: velaí a sua capela do Cristo Obreiro en Estación Atlántida (Canelones, Uruguai)
    Para rematarmos, nesta rápida visión, cos irmáns Ortiz de Taranco Viñal, José, Félix e Hermenegildo (do Portazgo de Vilaboa, 1857, 1866 e 1870) e os irmáns Manuel e Máximo Manzanares Martínez (de Donas-Gondomar, 1871 e 1880), todos estes comerciantes de alto nivel económico, destacando daqueles o Félix que mandou facer, como xa temos comentado, o suntuoso palacio familiar da Cidade Vella e máis a villa El Portazgo (onde se filmaron capítulos de “Curro Jiménez”).
Templo de Estación Atlántida (Canelones, Uruguai) , obra de Eladio Dieste       
    Pois ao que íamos: todos estes sonvos apelidos importados na Galiza. Sobre algúns sábese a orixe, próxima ou afastada: portugués Brito, francés (bretón?) Lecocq, Aréchaga basco, Juega (antes Jueguen e Güeguen) bretón Gwegen agalegado; Williman, alsaciano, val dicir, alemán (debería levar doble nn)… Doutros barrúntase a procedencia: Lugris (ao igual que Tobío, quen tamén aquí morou), británico, como tal vez o sexa Cousillas (Cowsill); canto ao Abente seméllanos francés (onde existe o apelido Avent, igual ao noso Advento); Granada parece vir dun Granata italiano; Dieste disque é flamengo; Taranco é basco pasado por Castela… como castelán é Manzanares (orixinado nun soldado mobilizado a Tui a comenzos do século XVIII), e  La Sagra viría dun  dos topónimos andaluz ou castellano.
(Remítovos ás crónicas 6, 21, 28, 29, 44 e 46, onde se fala, desde outro ponto de vista, dalgúns destes individuos).

E xa que falamos de familias, vellos e perdidos apelativos uruguaios: Tata e Mama (papá e mamá), e máis Tata viejo e Mama vieja (abós). “Del tiempo de tata con mama”, é dicir, moi antigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario