Por Pepe de Rocaforte
Estas liñas deberíaas ter escrito a
semana pasada, pero cando souben da morte de José Luis Cuerda e Kirk Douglas xa
tiña metida outra páxina, que me saíu bastante espesa, por certo. Pido
desculpas.
Kirk Douglas foi, e segue a ser,
aínda que non volverá rodar ningún filme, un dos actores por quen máis
admiración, e aprecio, sentín, protagonista de tantos filmes inesquecibles como
“Espartaco”, “Camiños de gloria”, “O ídolo de barro”, ou “O tolo do cabelo
vermello”.
O outro día comentábame Nacho Taibo
que moito falar agora de “Espartaco” e ninguén se parece lembrar de “Ulises”.
Eu non escribirei nin de “Ulises”, nin de “Espartaco”. Na miña memoria ocupan
un lugar importante outras dúas películas, das primeiras súas que vin,
merecentes, na miña opinión, de ser recordadas e voltas a ver máis dunha vez.
Citarei en primeiro lugar “O gran
carnaval”, do ano 1951, onde Douglas fai o papel dun periodista, quen despois
de ter acadado certa sona na prensa neoiorquina, vese rebaixado, por diversas
circunstancias, a ocupar un posto de reporteiro nun periódico provinciano de
pouca monta.
Certo día cubrindo a información dun
accidente por causa do cal un home quedara atrapado no fondo dunha cova, o
xornalista cre ter material para unha serie de reportaxes que lle devolvan a
sona perdida. A tal fin alarga innecesariamente os labores de rescate, dando pe
a toda unha feira arredor da cova onde permanece o home, quen acaba por morrer
antes de que o equipo de rescate chegue onda el.
A outra película, unha de vaqueiros,
“O derradeiro solpor”, conta co valor engadido dun guión de Dalton Trumbo,
outro personaxe “da monda amarga” hollywodense nos tempos do senador McCarthy.
Aquí Douglas fai o papel dun perseguido pola xustiza que fuxindo dun sheriff,
interpretado por Rock Hudson, escapa a México, onde busca refuxio onda unha
muller de quen foi amante anos atrás.
En México atopa á muller casada cun
rancheiro que prepara o transporte dunha manda de vacas para vender nos Estados
Unidos e que o admite como vaqueiro ás súas ordes. A partir deste punto
desenvolverase unha historia que bebe na mitoloxía grega para nos dar unha nova
versión do mito de Edipo, cun dramático final un pouco na liña do “O.K.
Corral”.
Pero antes de rematar non podo pasar
sen un recordo para José Luís Cuerda, morto tamén case no mesmo día que Kirk
Douglas, e que puxo en imaxes “A lingua das bolboretas”, de Manolo Rivas,
despois de deixar para historia do cine español ese produto, non sei se
inclasificable, de “Amanece que no es poco”, filmación da que aínda me quedan
unhas tres ou catro novas visións por facer. E que Xabier P. Docampo, que en
paz descanse, me perdoe, porque continúo sen estar de acordo con el en que esa
película era cinematograficamente deplorable. Non entendo de cine, pero neste
caso os entendidos poderanme dar todas as razóns que queiran, que a miña
opinión non ma van cambiar. Todos somos continxentes, pero “Amanece que no es
poco” ¡é necesaria! Aínda diría máis: ¡é necesaria e imprescindible!
Ningún comentario:
Publicar un comentario