luns, 28 de setembro de 2020

Crónicas desde o outro mundo (90)

Estancieros e filántropos

O curmán de Undochán

Francisco Dorrego –

Hospital Español

Nen todos os estancieros (facendeiros) galegos foron filántropos… nen todos os filántropos galegos foron estancieros. A non ser que nos paremos na figura do hoxe esquecido Francisco Dorrego (Padrón, 1837-1931), que reuníu ambas características. Dono de miles de hectáreas de campo en Paso de los Toros (cidade onde ten unha rua, datos do amigo C. Arezo), deixou grandes legados para numerosas institucións, algunha tan importante como o Hospital Español de Montevideo (onde se pode ver o busto que reproducimos, por xentileza mancomunada da dupla A. Turnes-L. Blau), achándose, na sede do propio Ministerio de Salud Pública, unha placa ben elocuente: “Francisco Dorrego: fue generoso con la miseria humana”.

De resto, e co risco de sermos reiterativos, velaí unha serie de vellos terratenentes, dacabalo dos séculos XVIII e XIX, tales: Márquez (Crón. 84) ou Farruco Rodríguez (Crón. 3), Ortoño (Crón. 42) ou Pereira (Cróns. 6 e 81), mesmo Porrúa (Crón. 87) ou Ortiz de Taranco (cróns. varias), todos eles tratados por nós desde outros puntos de vista que este de gandeiros e/ou propietarios de latifundios.

A eles podemos engadir a Manuel Vázquez de España (Sumio-Carral, 1735-1812), “o primeiro galego de Tacuarembó”, quen posuía senllas estancias dunha e doutra banda do río Negro, e acabou casando unha sua filla co porteño-catalán Pedro Casavalle, dono dos terrenos nucleares do barrio montevideano deste nome.

E tamén ao seu paisano, quince anos máis novo, Manuel Nieto Abelenda, que arribara aquí (1772) como soldado, chegando a ser cabildante da novel Montevideo, en cuxo desempeño propuxo, co consabido éxito, a creación do Cuerpo de Blandengues de la Frontera (1797), instituto moi beneficioso para a protección de estancias como a sua, marxe meridional do mesmo río Negro (outra vez no Paso de los Toros, como anunciando ao futuro Dorrego). Nieto, finalmente, resultou concuñado daquel Farruco Rodríguez, cuxas terras estaban ao sul da grande e citada corrente fluvial.

Xa no XIX pleno temos ao ourensán Francisco Vázquez y Vázquez (1793-1869), gran comerciante e facendeiro en Paysandú, beiras do río Uruguay, que exercéu como alcalde ordinario (e agora aparece o filántropo), restando del o legado do reloxio da torre esquerda da igrexa sanducera (1888), derramada que foi a sua avultada fortuna.

Vázquez lévanos ao segundo capítulo desta crónica, cal son os filántropos, estes xa de condición urbana, dos que sería o primeiro, cronolóxicamente, o noso vello coñecido coruñés Joaquín de la Sagra, ponte cos que seguen, a maioría actuante no XX, o primeiro, o galego de Cádiz José María Buyo (Cróns. 17 e 40) e o tamén xa tratado por nós Vicente Arcos (Cróns. 10 e 65). É, xa introducidos no século pasado, cando surxe, entre outros, o mecenas Canabal.

Jesús Canabal Fuentes (Amenal-Pereira-O Pino, 1897-1985), chegou a Buenos Aires en 1910, pasando logo a Montevideo, onde se estableceu como industrial papeleiro, fundando (1937), cos seus irmáns José, Andrés e Manuel, a Industria Papelera Uruguaya, S. A. (IPUSA), que permaneceu na familia ata 1994 e tiña importante fábrica en Pando (Canelones), da que saían os produtos marca Suevia, operando, ao tempo como imprenta.

Máis tarde integrou o grupo creador do Banco de Galicia (1956-1966), que chegou a ter oito sucursais e acabou formando sociedade co Banco del Trabajo Ítalo-americano, ata desapareceren (Crón. 19, ilustración). Mecenas da cultura galega, Ministro Plenipontenciario do goberno da República española no exilio (1958-1962), foi Medalla Castelao 1985 (Galicia) e antes Vieira de Prata 1969 (Montevideo). A título póstumo (2006) foi nomeado fillo predilecto do Pino, e dado o seu nome á praza da capital do concello natal. (M. Losa publicou a sua biografía en duas edicións sucesivas, Montevideo, 2007 e Vigo 2010).

Compre salientar que o espíritu masónico alentou en varios destes benfeitores.


Observación extemporánea: [A vasta colección] quixotesca de Arturo Xalambrí (1888-1975) valeulle a Montevideo o título de cuarta cidade cervantina (despóis de Alcalá-España, Guanajuato-México e Azul-Arxentina)… o cal se sumou á “cantidade de bibliotecas públicas, edicións de libros e presentación de obras teatrais por número de habitantes” para lle conferir á capital uruguaia e ao país un posto especialísimo no conxunto das nacións máis cultas do planeta. (Extractado de Loreto Mármol, 2020. Aporte de X.P.Mondelo).

sábado, 26 de setembro de 2020

San Migueliño das uvas maduras

A finais de setembro, cando a noite coas súas tebras vai dobregando ó sol, sorpréndennos uns días para volver a sacar a roupa de verán. É o veranciño de san Miguel, alentador pero curto, como proclama o refrán: “San Migueliño das uvas maduras, que tarde vés e que pouco duras”. Podía levar o nome de calquera outro arcanxo, pois aínda que a fama a leva este guerreiro, a igrexa aproveita a mesma data para festexar a Rafael, o curandeiro, e a Gabriel, o mensaxeiro. Pero o protagonista é Miguel, porque na tradición cristiá, xudía e musulmá, considérase o protector dos fieis, quen, espada en man, combate ó maligno e a maiores aínda protexe o Paraíso cristián dos posibles polisóns que queiran entrar sen permiso nin méritos, facéndoos pasar por esa especie de alfándega onde presentar credenciais e pesar as súas obras antes de sinalarlle o destino, o que o converte nun ser temido, e polo tanto a quen adular para telo de man na hora da verdade, non vaia ser que por uns gramiños de nada en vez de subir as escadas do gloria teñamos que baixar os chanzos dos fornos infernais. Tamén nos recomenda a tradición non coller, apañar ou comer amoras no seu día, pois nas silveiras pode estar o demoño a quen o arcanxo, defensor da Igrexa, das ánimas e dos cobradores, acostuma amarrar con silvas para devolvelo así enfardado á súa covacha.

Xulio, para quen todo é necesario e nada está demais, tanto a maldade como a bondade necesitan unha medida comparativa para ser valoradas, e dado que canto máis malo sexa o mal mellor valorado será o ben, canto máis cheas estean as caldeiras do inferno mellor calefacción terán no ceo.


Deixando as teorías de Xulio a un lado, a realidade é que buscando a raíz desa función pesadora, a súa figura mestúrase con aquel Anubis dos exipcios, asemade acompañante dos finados polas vereas do Alén desde moito antes de que o arcanxo se dese a coñecer como o interlocutor de Moisés ou quen freou ás hordas do faraón para que ós hebreos lles dese tempo de pasar o estreito antes de que subise a marea. Anubis foi quen patentou a idea de usar unha balanza para saber se os finados podían ou non estar na compaña do seu deus, sempre e cando o corazón, sen odio nin rancor, fose máis livián ca unha pluma chamada “da verdade”.

Como queira que sexa, o día do san Migueliño (aínda chovendo) vén prevernos contra o dano que poden traer os días fríos e escuros que se aveciñan, eses temidos días, sobre todo nesta mal ano, para as vías respiratorias, máis aínda polo medo con que sentimos calquera tose ca polas consecuencias dun outonal trancazo que noutro ano que non fose este non tería maior importancia. Nesta ocasión botaremos de menos que non se repita a lenda do papa Gregorio I entrando en Roma durante unha peste que asolaba a cidade, armado de estandartes e cánticos aduladores, e ó pasar á altura do castelo do “Santo Angelo”, xa preto do Vaticano, viu sobre as ameas da torre, ó arcanxo envaiñando a espada e dándolles paso franco despois de derrotar ó maligno que estendía o mal sobre a cidade.


Mágoa que o arcanxo, tan pendente da calefacción celeste, delegase ese labor nas Consellarías de Sanidade para dedicarse el a pesar o exceso de almas que a pandemia lle envía.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria na edición de Barbanza de La Voz de Galicia) 


mércores, 23 de setembro de 2020

ASÍ ESCRIBEN EN NORUEGA


Por Pepe de Rocaforte

A miña admiración polos escritores noruegueses empezou de rapaz, cando o meu amigo Antonio Prada, que en paz descanse, me pasou para ler “Baixo as estrelas do outono”. Do autor daquel libro, Knut Hamsun, home polémico pola súa ideoloxía pro-nazi, teño comentado algo por aquí nalgunha ocasión. Foi un dos meus novelistas predilectos na adolescencia, época na que lin, relín e superlín canto libro seu chegou ás miñas mans. De Ibsen non me cadrou de escribir, pero tamén as súas obras teatrais deixaron pegada fonda na miña memoria, en particular “Un inimigo do pobo” e “Casa de bonecas”. E para completar un bo trío nórdico algo lin de Björnson, aínda que hoxe o teña un pouco esvaído no recordo.

Pero chegamos a estes tempos que corren e atópome totalmente desnortado, non sei o nome de ningún autor noruegués actual. Mellor dito: non o sabía; empecei a me poñer un pouco ó día neste mes, primeiro con Karl Ove Knausgard, logo con Vigdis Hjorth. Hai máis, pero de momento vou parar aquí.

A forza narrativa de Knausgard impresionoume. Nunha reseña que lin das súas seis novelas autobiográficas, reunidas baixo o título de “A miña loita”, falábase del como un novo Proust. E, home, algún parecido pódeselle atopar (por exemplo na extensión dos textos), pero desde o meu punto de vista a comparanza está un tanto fóra de lugar e o noruegués non precisa de loanzas dese estilo que non o van beneficiar pouco nin moito a ollos do lector.

Knausgard é duro, directo, non cala nada para nada e escribe cunha paixón e un aire de verdade que aínda que algunhas veces perda un pouco o ritmo en parágrafos un tanto reiterativos (por exemplo: «Vaciei a copa, servinme outra, saquei un papel de fumar, metín nel un pouco de tabaco e premino cos dedos, envolvín o papel, aperteille a punta, cerreino, pasei a lingua polo pegamento, quitei o tabaco sobrante e volvino meter no paquete, logo puxen o cigarro na boca e prendino co isqueiro verde»), que a min fanme pensar que utiliza ocasionalmente esta prolixidade superflua para rebaixar a intensidade do tono e tomar un breve descanso, aínda que a veces o propósito non estea debidamente conseguido. A pesar deso é tanta a súa forza que, utilice os medios que utilice, apodérase sempre do teu interese e da túa entrega á lectura desde a primeira liña.

De momento lin o primeiro libro da serie, “A morte do pai”, pero axiña continuarei cos seguintes títulos, porque este volume inicial deixoume totalmente enganchado. Pero para tomar un pequeno respiro, decidín explorar algo máis na narrativa actual de Noruega e botei man de “A herdanza”, de  Vigdis Hjorth.


Nunha primeira impresión pensei que os editores decidiran aproveitar o tirón de Knausgard e publicar esta novela que tamén pon patas arriba sen contemplacións, mesmo con crueldade, as relacións dentro dunha familia, relatadas pola máis vella de catro irmáns, xunto cos seus pais, un matrimonio de clase media acomodada. O punto álxido do relato é un feito, ó cal se alude escuramente, de maneira un tanto críptica, nalgúns determinados momentos e que o avisado lector pronto adiviña de que se trata e supón que a autora o vai insinuando e gardando para nos sorprender con el como broche final da historia.

Pero este avisado lector que son eu equivocábase: sen esperar ó final para dalo a coñecer, ese escuro suceso váisenos contar a metade do libro, e a partir de aí a narración, con toda a trama posta ó descuberto, en lugar de perder aire, empeza a acadar a súa máis importante e dramática dimensión. (Digamos entre paréntese que ó contrario que en “A morte do pai”, onde as personaxes aparecen cos seus nomes reais para non dar lugar a interpretacións erradas, en “A herdanza” os nomes son ficticios co cal produce un efecto de maior distanciamento).

Así e todo, tal como avanza o desenvolvemento da historia, apodérase de nós (ou de min: non pretendo involucrar a ninguén) a idea de que os feitos que se nos contan son verdadeiros, sucederon realmente, e a autora estase queimando a pel para narralos., eso é algo que se nota. Estamos diante dun durísimo texto autobiográfico que non nos vai deixar indiferentes. Non dispoño de información para aseguralo, pero non me cabe case ningunha dúbida de que é así e convido ós que poidan estar lendo estas liñas que se animen a lle meter o dente a “A herdanza”. Estou seguro de que me agradecerán o consello.