xoves, 3 de setembro de 2020

MATINACIÓNS A PÉ DE PRAIA

(LERIAS DE VERAO)

Por Pepe de Rocaforte


Se cando era rapaz, e mesmo cando xa andaba nos trinta-corenta anos, me din que ía pasar máis dun ano enteiro sen pisar a praia, a non ser por causa de forza maior, seguro que non o crería. E sen embargo aquí estou con preto de tres anos sen poñer o pé nun areal.

Agora, se algunha vez teño o capricho de gozar da praia, non vou nadar nin botarme a bambear nas ondas, senón pasear pola beira da auga, mollando os pés. E para eso teño unhas preferencias moi axustadas. No tramo marítimo que vai da Coruña a Muros nada máis me parecen satisfactorias tres praias: Carnota, Langosteira e Baldaio, e xa se decatarán vostedes da causa destas preferencias. Estriba, naturalmente, na extensión dos areais que me permiten longas e demoradas camiñatas.

Por certo, agora que cito Baldaio éntrame a sospeita de se o seu nome primitivo non sería Valdallo; pero eso compriría que mo aclarase un filólogo e ben saben vostedes como son eses señores e a autoridade con que desenvolven as súas investigacións. Tiven ocasión de observalo, xa hai anos, co caso do Tabeaio, curiosa acumulación de vogais, que cando lla escoitaba a algún natural do lugar, sempre me parecía entenderlle “Tabeallo”; tal vez pola miña dureza de oído á hora de distinguir esas sutilezas.

Pero esa xa non é unha reflexión estival; a estas matinacións trouxéronme outras cousas. Unha delas a desaparición das pulgas de mar, ou pulgas de praia, uns bichiños que nin pican, nin son pulgas. Antes abondaban moito nas nosas praias, pero agora, ou non vexo ben, ou foron desaparecendo do entorno galaico. ¿Será así?, pregúntome alarmado, aínda que a presunta inutilidade destes pequenos crustáceos non debería ser tan alarmante. ¿Ou si? Pasareille a consulta a Francisco, que nesto, como en tantas cousas, está moito mellor informado ca min.


Outro caso: as minchas, ou caramuxos; pero aquí debo fiar fino, pois aínda que busquei na wikipedia e noutras fontes similares, as explicacións que vin non me axudaron a saber cal é a especie a que particularmente me refiro. As minchas que eu digo non teñen a “cuncha cónica en espiral e ápice en punta”. Eses serán caramuxos, digo eu. Pero hai outras, semicirculares, con polo menos dous tipos diferentes: as negras e as de cor acastañado en debuxiños. Eu refírome ás negras, sen dúbida as máis saborosas e, tamén, as que están desaparecendo da miña vista. ¿Andarán camiño da extinción?

E, para non cansar máis, rematarei citando os ourizos de mar. Estes aínda non parecen tan en perigo de extinción, pero a súa poboación, se non me engano, diminúe a marchas forzadas. Xa non son os tempos en que coa marea baixa atravesabamos desde a costa do Portiño ás Illas de San Pedro e tiñamos que o facer con chanclas (ou fanequeiras, como lle chaman máis para o sur) porque se non íansenos poñer bos os pés coas espiñas de tantos ourizos como alí había, dos cales agora, na mesma zona, só se ve  un que outro exemplar acochado ó lado dunha peneda protectora que o libre de ir servir como aperitivo dalgúns que o consideran bocado tanto ou máis exquisito que o caviar.

            Outro día falaremos do goberno.

 

1 comentario:

  1. Pola contra, eu si acostumo a visitar as praias. Na da miña infancia, nun lugar das Rías Baixas a onde sigo inda todos os anos,onde sempre había grupos dunhas algas que nós chamamos correas, verdadeiras cintas que semellan de coiro, desde hai uns anos desapareceron por completo. Non sei a que será debido. Din que as collen para vender como conserva. Non sei se algún lector pode dicirnos algo sobre o tema.

    ResponderEliminar