Diremos
que o alto onde se atopa a capela, escudada dos ventos de sueste por unha
enorme rocha, foi nalgún intre da antigüidade precristiá un castro ou ó menos
un lugar humanizado, desde o que se domina visualmente toda a ría de Arousa e o
mar de Corrubedo. Pero se traemos este santuario a este caderno, é porque
arredor da capela e do santo execútanse unha serie de ritos que están
directamente relacionados coa vida e coa fertilidade.
Esta
capela era o lugar a onde as esposas, nais ou irmás dos pescos subían a virar a
tella, ou sexa, a trocar de posición unha das tellas do tellado, co fin de que
o vento virase a favor para traer ós seus homes con ben ata o peirao ou praia onde atracasen. E era costume,
no día da súa romaxe, bendicir a terra que logo se levaba para botar nas leiras co
fin de favorecer a fertilidade das mesmas.
Máis
o costume con maior participación entre os devotos é o de lanzar a tella.
Trátase de botar tres anacos de tella á fiestra tapiada da ábsida, de maneira
que, quen sexa capaz de deixar os tres anacos de tella no antepeito da fiestra,
será agraciada (ou agraciado) atopando parella e quizabes casando nese ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario