xoves, 20 de xuño de 2013

Aproximación ó ritual do san Xoán

                        Ritos de adiviñación para a noite do san Xoán
            Por ser noite meiga non faltan nelas os meigallos, os ritos propiciatorios e de adiviñación, e así, se unha moza escribe o nome de tres pretendentes en papeis dobrados que mete baixo a almofada, o primeiro
que lle vén á man á mañá do vintecatro será o que mellor lle cadra para marido.

            Se se deixa a pela dunha pataca no antepeito da fiestra durante a noite, segundo a forma que colle pola mañá indicará a inicial do nome de quen acabará casando con ela.
            Se ás doce da noite a rapaza se pon espida diante do espello, verá reflectida por detrás dela a imaxe do futuro marido.
            Tamén o mozo que pretende os favores dunha moza, debe cortar un acivro ás doce da noite, pasalo por debaixo de trece ondas de mar ó tempo que reza un Credo por cada onda, e con el logo ha de tocar á rapaza que no acto quedará namorada del.
            E quedan moitos máis, seguro que cada parroquia ten o seu.


                                                 As augas da saúde
            Nesta noite milagreira, cando as mulleres infecundas acoden á Lanzada ou á praia de san Francisco de Muros a recibir o baño das nove ondas para propiciar a saúde e a fecundidade, lémbrannos os baños propiciatorios que se facían en Atenas en honor de Démeter a deusa da agricultura. E de feito, un pouco relacionado con isto das augas bendicidas polo san Xoán, considérase que non se poder levar baños de mar antes deste día, que é cando o santo bendice as augas.
            Considérase que a auga de certas fontes cobra especial poder na mañá de san Xoán, tales como a de san Gregorio de Padrón ou a fonte de Bexán en Cambados, onde se lavan os que padecen mal de ollo.
            Curioso é en Monterroso, onde os paisanos se lavan na auga contida nun sartego que hai no cemiterio de Sirgal.
            Pero tal vez a que pode ser a auga máis pura, a do orballo, a auga que nace co día, úsase para purificar o corpo e combater a sarna, e incluso para que empape a roupa que se vai poñer; pero tamén para que o gando pase por entre as follas empapadas de tales augas para purificalo.
            Non é novo este costume, pois que xa na Grecia Clásica se recollía o orballo nos solsticios con fins purificadores.
            E apuntamos finalmente, como remedio contra o bocio, beber a auga de nove fontes, desde as doce da noite ata o amencer do día de san Xoán.

                                   As herbas de san Xoán
       
    
Pero a maneira infalible de purificar as augas e coas herbas de san Xoán, sempre un número impar de herbas olorosas, que poden ir de tres a nove, pero na maioría dos casos son sete, que varían segundo a zona, tales como rosas, romeu, hortensia, ruda, menta, hedra, herba de san Xoán, fiuncho, folla de figueira, etc.

            Son herbas que se poñen ó sereno durante toda a noite, é polo mañá métense na auga con que imos lavarnos. Xa Plinio cita algunhas delas como herbas solsticiais, e no seu caso estas eran a artemisa, pegotes, camomila, grama, hedra terrestre, licopodio, hipérico, orquídea, saramago e verbena, cada unha coa súa virtude e que segundo o autor romano, cobran aínda máis forza cando lles dá o luar, e así, sempre segundo el, o amaranto serve para atraer o favor de persoas importantes, a artemisa e o crisantemo arredan o mal de ollo, a rosa vermella favorece a concepción e o salgueiro arreda os males nocturnos. Por iso non está de máis saber que herbas se escollen no momento de escollelas.
            En moitos lugares protéxese a casa co ramo de san Xoán, que se colga na porta da casa ou nas fiestras, como protectores contra o mal.
            No caso de Arteixo, estes ramos fican colgados na porta ata o día de san Pedro (o 29 deste mes de xuño), en que se retira, se garda para que seque, e no ano seguinte engádese este ramo xa seco á fogueira, para que os membros da familia se afumen con el e se purifiquen. En Suevos (Arteixo), as herbas do ramo son: romeu, hortensia, herba luísa, herba de Santa María, fiúncho, ruda, folla de castiñeiro, trobisco, malva e cecimbre, calquera delas pero sempre en grupos de sete. E en Ferreiros (O Pino-Arca) úsase só a flor do bieiteiro ou sanxoán e os estalotes.

                                   O lume
            Na noite de san Xoán, os catro elementos, a auga, a terra, o aire e o lume son os protagonistas indiscutibles, pero tal vez as cacharelas, lumieiras ou fogueiras son as estrelas indiscutibles da noite do vintetrés, da véspera do santo. Cada casa e cada aldea acende a súa propia fogueira. O lume arreda o mal, queima o vello para que renaza o novo, para abrir un novo tempo, purifica o aire e ás persoas, pero, sobre todo, vence coa súa luz a noite solsticial.
            Xúntanse pois madeiras, mobles vellos, palla seca e ata roupas en desuso na pía purificadora diante de cada casa, na rúa por onde pasa a xente, e cada un que pasa saltará por encima dela.
            A fogueira hai que saltala un número impar de veces, porque así arrédase o mal de ollo e cúranse as afeccións da pel, e tamén como nos di a cantiga:
                                   Salto por riba do lume de san Xoán
                                   para que non me morda cobra nin can.
            Co lume de san Xoán tamén hai que afumar o gando, e Cousillas Rodríguez dinos que había lugares en Galicia onde, ó albor, facían camiñar ó gando sobre as cinzas que quedaban, e despois recollíanse para botar como abono nas leiras.
            Asegúrase, asemade, que a moza que salta unha fogueira sen tocar as chamas casará nese ano.

2 comentarios:

  1. Cando eu era rapaz, dixéronme que metiera nun vaso cheo de auga, uns papéis con os nomes das rapazas que pretendía. Á mañán del 24, o papel aberto desvelávame a rapaza que iba a namorarse de min...... todos os papeis apareceron pechados.

    ResponderEliminar
  2. it's a very interesting post. And, now, are you single?

    ResponderEliminar