Amosando publicacións coa etiqueta ritos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ritos. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de febreiro de 2014

As lupercais


         Sobre os idus de febreiro, o que viña a cadrar sobre o día 13, os romanos celebraban as lupercais, unhas festas nas que se honraba a Luperco e con el invocábase a fecundidade.
         A historia comezou cando, despois de construír a muralla de Roma, os romanos, que eran maiormente homes de armas, sentiron a necesidade de atraer mulleres á súa cidade, co fin de perpetuar a descendencia, e daquela fixeron unha festa e invitaron ós seus veciños sabinos coa condición de que trouxeran ás esposas e fillas con eles; e cando todos estaban bebendo e danzando, os romanos raptaron ás sabinas.
         Deixando agora á marxe como foi a guerra entre os veciños e como se asinou a paz, o caso é que as sabinas raptadas negáronse a deitarse cos seus raptores, polo que estes, invocando ós sabios e adiviños que teñen man coa divindade, solicitaron unha solución, e esta foi que para que elas se volvesen fecundas, había que zorregarlle cunhas correas de pel de cabrón sen curtir.
         E como aquilo deu resultado, cada ano, na cova dos lupercos, as mulleres acercábanse para recibir uns simbólicos lategazos no plenilunio de febreiro, que lles permitise ser fecundas.

         No ano 494 da nosa era, o papa Xelasio prohibiu estes rituais, sen embargo, como veremos no vindeiro Entroido, o saúdo coa correa como invocación á vida, segue presente aínda nos nosos días.

venres, 27 de decembro de 2013

O día dos inocentes

                      


Nestas datas non pode faltar o dato simpático no día dos Santos Inocentes, que se celebra o 28, con todo tipo de bromas e burlas, coincidindo co mesmo día no que os Romanos celebraban o día da xoldra durante as súas Saturnais, a chamada festa dos escravos, durante a que estes vestían a roupa dos amos e tamén eran servidos por eles, unha especie de troco dos roles sociais e que nada ten que ver coa coñecida matanza dos inocentes promovida por Herodes, a cal, segundo os datos históricos, nin foi tanto nin tal como nos din, pois só se debeu a un augurio que lle fixeran ó magnate, de que un fillo seu lle ía quitar o trono, e daquela decidiu matalo. Pero nin moito menos foi unha matanza tan multitudinaria como se conta.
E igual que facían os romanos, en Galicia era costume trocar os roles sociais na figura dos nenos, vestíndoos con roupas a modo de bispos e outras figuras con intención grotesca, tal de papas ou reis, os chamados Papa dos tolos, e permitíaselle que ese día deran ordes e incluso se lles obedecía, ata que o bispado de Mondoñedo prohibiu tal costume no 1669.
No lugar de Ferreras de Arriba, na provincia de Zamora, aínda se conserva un festexo chamado a Mascarada de inverno, que se celebra cada 28 de decembro, e ten como personaxes principais o Diabo, a Filandorra, a Madama e o Galán, representantes, os dous primeiros do feo e os segundos do bonito, do mal e do ben, das tebras e da luz. Son personaxes que poden entrar nas casas perseguindo ós veciños a quen lles botan borra ou manchan cunha cortiza queimada os primeiros, mentres que os segundos colocan un sombreiro sobre o patriarca de cada casa en sinal de felicidade. Son reminiscencias daquelas mascaradas que xa se celebraban nas Saturnais romanas.

Na catedral de Mondoñedo consérvase esta pintura mural que representa a matanza dos inocentes tal e como nola narra o Evanxeo.

xoves, 20 de xuño de 2013

Aproximación ó ritual do san Xoán

                        Ritos de adiviñación para a noite do san Xoán
            Por ser noite meiga non faltan nelas os meigallos, os ritos propiciatorios e de adiviñación, e así, se unha moza escribe o nome de tres pretendentes en papeis dobrados que mete baixo a almofada, o primeiro
que lle vén á man á mañá do vintecatro será o que mellor lle cadra para marido.

            Se se deixa a pela dunha pataca no antepeito da fiestra durante a noite, segundo a forma que colle pola mañá indicará a inicial do nome de quen acabará casando con ela.
            Se ás doce da noite a rapaza se pon espida diante do espello, verá reflectida por detrás dela a imaxe do futuro marido.
            Tamén o mozo que pretende os favores dunha moza, debe cortar un acivro ás doce da noite, pasalo por debaixo de trece ondas de mar ó tempo que reza un Credo por cada onda, e con el logo ha de tocar á rapaza que no acto quedará namorada del.
            E quedan moitos máis, seguro que cada parroquia ten o seu.


                                                 As augas da saúde
            Nesta noite milagreira, cando as mulleres infecundas acoden á Lanzada ou á praia de san Francisco de Muros a recibir o baño das nove ondas para propiciar a saúde e a fecundidade, lémbrannos os baños propiciatorios que se facían en Atenas en honor de Démeter a deusa da agricultura. E de feito, un pouco relacionado con isto das augas bendicidas polo san Xoán, considérase que non se poder levar baños de mar antes deste día, que é cando o santo bendice as augas.
            Considérase que a auga de certas fontes cobra especial poder na mañá de san Xoán, tales como a de san Gregorio de Padrón ou a fonte de Bexán en Cambados, onde se lavan os que padecen mal de ollo.
            Curioso é en Monterroso, onde os paisanos se lavan na auga contida nun sartego que hai no cemiterio de Sirgal.
            Pero tal vez a que pode ser a auga máis pura, a do orballo, a auga que nace co día, úsase para purificar o corpo e combater a sarna, e incluso para que empape a roupa que se vai poñer; pero tamén para que o gando pase por entre as follas empapadas de tales augas para purificalo.
            Non é novo este costume, pois que xa na Grecia Clásica se recollía o orballo nos solsticios con fins purificadores.
            E apuntamos finalmente, como remedio contra o bocio, beber a auga de nove fontes, desde as doce da noite ata o amencer do día de san Xoán.

                                   As herbas de san Xoán
       
    
Pero a maneira infalible de purificar as augas e coas herbas de san Xoán, sempre un número impar de herbas olorosas, que poden ir de tres a nove, pero na maioría dos casos son sete, que varían segundo a zona, tales como rosas, romeu, hortensia, ruda, menta, hedra, herba de san Xoán, fiuncho, folla de figueira, etc.

            Son herbas que se poñen ó sereno durante toda a noite, é polo mañá métense na auga con que imos lavarnos. Xa Plinio cita algunhas delas como herbas solsticiais, e no seu caso estas eran a artemisa, pegotes, camomila, grama, hedra terrestre, licopodio, hipérico, orquídea, saramago e verbena, cada unha coa súa virtude e que segundo o autor romano, cobran aínda máis forza cando lles dá o luar, e así, sempre segundo el, o amaranto serve para atraer o favor de persoas importantes, a artemisa e o crisantemo arredan o mal de ollo, a rosa vermella favorece a concepción e o salgueiro arreda os males nocturnos. Por iso non está de máis saber que herbas se escollen no momento de escollelas.
            En moitos lugares protéxese a casa co ramo de san Xoán, que se colga na porta da casa ou nas fiestras, como protectores contra o mal.
            No caso de Arteixo, estes ramos fican colgados na porta ata o día de san Pedro (o 29 deste mes de xuño), en que se retira, se garda para que seque, e no ano seguinte engádese este ramo xa seco á fogueira, para que os membros da familia se afumen con el e se purifiquen. En Suevos (Arteixo), as herbas do ramo son: romeu, hortensia, herba luísa, herba de Santa María, fiúncho, ruda, folla de castiñeiro, trobisco, malva e cecimbre, calquera delas pero sempre en grupos de sete. E en Ferreiros (O Pino-Arca) úsase só a flor do bieiteiro ou sanxoán e os estalotes.

                                   O lume
            Na noite de san Xoán, os catro elementos, a auga, a terra, o aire e o lume son os protagonistas indiscutibles, pero tal vez as cacharelas, lumieiras ou fogueiras son as estrelas indiscutibles da noite do vintetrés, da véspera do santo. Cada casa e cada aldea acende a súa propia fogueira. O lume arreda o mal, queima o vello para que renaza o novo, para abrir un novo tempo, purifica o aire e ás persoas, pero, sobre todo, vence coa súa luz a noite solsticial.
            Xúntanse pois madeiras, mobles vellos, palla seca e ata roupas en desuso na pía purificadora diante de cada casa, na rúa por onde pasa a xente, e cada un que pasa saltará por encima dela.
            A fogueira hai que saltala un número impar de veces, porque así arrédase o mal de ollo e cúranse as afeccións da pel, e tamén como nos di a cantiga:
                                   Salto por riba do lume de san Xoán
                                   para que non me morda cobra nin can.
            Co lume de san Xoán tamén hai que afumar o gando, e Cousillas Rodríguez dinos que había lugares en Galicia onde, ó albor, facían camiñar ó gando sobre as cinzas que quedaban, e despois recollíanse para botar como abono nas leiras.
            Asegúrase, asemade, que a moza que salta unha fogueira sen tocar as chamas casará nese ano.