O
Curmán de Undochán
Neste inverno morrente, un
frecuentemente bota en falta o azul celeste de ceo (valla a redundancia), e foi
así como isto me levou a reparar novamente nas cores da bandeira uruguaia:
branca e azul... como a galega?, diredes, pois veredes que non, cando menos
segundo interpreto eu.
Partamos de que as bandeiras non
teñen culpa do mal uso que o home fai delas: igual pasa cos símbolos todos, con
todos os logotipos (vulgo: logos), creados para oficiar como tarxeta de visita
para propios e guieiro para alleos: daí o de guións ou estandartes do Medievo.
Claro que gallardetes, banderíns, cocares, pendóns, insignias, todas a locir as
cores patrias ou locais ou mesmo familiares, non só eran usadas nos xogos,
festas, torneos ou xustas cabaleirescas, senon tamén nas guerras.
Ben se advirten os matices
entre
o celeste das primeiras
e o azul da uruguaia |
O curioso é ver como en cada canto
do mundo falan aquelas cores diversos idiomas, ao igual que pasa coas linguas
dos humanos: aí tedes, por exemplo, o vermello, que igual val para a China
comunista que para o monárquico Marrocos... aquela nación obviando o seu antigo
nome de Celeste Imperio... por máis que aquí celeste equivalla a celestial ou
cerúleo. E non ten graza que españois e cataláns compartan ese charramangueiro
“rojo y gualda”? (Con perdón da sua cara!).
E logo estanvos os matices.
Así, a bandeira galega, como a arxentina, ou mesmo a da ONU e, se cadra, a escocesa, ostentan o azul
celeste, porventura turquesa, en canto a uruguaia mostra un azul máis intenso:
estas diversas tonalidades de azul, témolo comprobado agora, comportan unha
confusión universal nos propios países, o que non imos resolver nós neste curto
espazo... sen sermos, por riba, expertos en vexiloloxía.
Malia
o dito, celeste, como charrúa, identifica aos uruguaios sendo que
non é celeste xa (foino moi brevemente no seu comenzo decimonónico) o seu
pabellón, nen é especialmente charrúa o seu sangue. No primeiro caso tense
falado da dificuldade de conseguiren teas daquela cor, por ser máis corrente o
azul (outros teñen aducido que o celeste foi desbotado por evocar a cor
borbónica).
Canto aos charrúas
(ver Crónica 20), incorporános ao imaxinario os uruguaios recén independizados
tal vez na má conciencia por telos case exterminado, dada a presión dos
terratenentes amolados por aquela manchea de autóctonos indómitos. (Non podo
menos que evocar aos modernos
fazendeiros amazónicos que exterminan canto poden, floresta e, tanto pior
aínda, aborígenes nada agresivos, apenas á defensiva)
Tamén é certo que o pabellón galego
é acotío azul, ata nos poemas (“azul e branca”), como tamén o é que na linguaxe
hispana e galega en xeral a palabra celeste como substantivo solto non
se utiliza hogano, antano operando como adxectivo do substantivo azul no
inseparábel azul celeste.
Outra cousa pavera é o tema das
estrelas: os Estados Unidos da América, a medida que ian incorporando
estados novos, ian aumentando as estrelas na sua bandeira... ata se plantaren
nas 50 no ano 60. Europa, en troca, parouse nas 12 que xa non representan a
suma de países componentes, mas si un número meramente simbólico... cabalístico
se cadra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario