O Curmán de Undochán
Daría para analisar sicoloxicamente o abano de actitudes
do emigrante, aquí inmigrante, galego no noso caso, a respecto da memoria
persoal da sua patria. Para comezarmos, partindo da premisa de unha abrumadora
maioría seren varóns -paulatinamente se incorporando mulleres e máis mulleres a
esa corrente demográfica-, ocórrensenos tres tipos de migrantes: o que viaxa
só, casado, a deixar muller e tal vez fillos na Terra, para despóis reclamalos;
aquel que viaxa só solteiro e casa no país receptor con connacional; e,
finalmente, o que, con idéntica soltería, casa aquí con uruguaia ou
estranxeira, filla ou non galega filla.
(A todo iso compre sumarmos o
carácter de cada quen, máis ou menos comunicador). Entón está o inmigrante
galego aillado que non conta nada do seu pasado, da sua Terra: dáse abondo este
tipo que, como que corta coa Galiza, pasa páxina e nada transmite dela aos
fillos, borra a sua historia persoal, mesmo para si, que acha impropia ou
insignificante para a contar.
Logo está o outro que, máis no caso de casar ou vir
casado en orixe cunha galega, e millor se son ambos cónxuxes do mesmo lugar, si
evoca e recrea para a prole non somente a Terra perdida, tamén a fala, que
practica acotío na intimidade do lar familiar. (Outro tema a ter en conta é se
en vida o emigrante dá ou non dá retornado á Galiza, de visita, el ou o
conxunto doméstico).
Este último tipo é o que dá pé a unha serie de feitos
tales: dar nomes da Terra a emprendementos comerciais ou habitacionais, e mesmo
pór aos fillos nomes galegos, supondo isto xa unha consciencia proactiva cun
trasfondo case ou non necesariamente político. Coñecemos uruguaios que van de
pasada a Galicia e contan emozoados, cando voltan, o que os seus ollos
confirmaron dos contos dos pais de cando eran mozos.
Exemplos de comercios (fora os
baseados no apelido do propietario, ver Crónicas 28, onde se nos colou
Bergantiños, que cadraría mellor aquí): Galicia, La Coruñesa, La Estradense, La
Portonovesa, Orense, Pontevedra, Petín, Rianjo (sic), Silleda, La Compostelana,
Castrobó, El Ferrol, La Flor de Galicia... e ducias máis.
Para rematar cos edificios a levaren nomes da Terra
tales: Amenal, Mesoiro, Vigo, Pontecesures, Mugardos, María Pita, La Coruña...
É dicir, todas denominacións privadas, non sendo o caso
do nomenclátor onde, máis alá de peticións particulares, está a acción oficial
uruguaia rendendo homenaxe a persoeiros e cidades de Galicia. Mais isto é
fariña para outra amasadeira.
Nota extemporánea: O historiador Vedía
-euskaldun de importante familia porteña- era fillo do oriental Lorenzo de Védia (atención ao
acento trocado nas Américas), o morgado que retornou á terra basca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario