martes, 10 de setembro de 2013

Pedras e exvotos mariñeiros




Os que vaiades á Nosa Señora da Barca, seguro que abalaredes a pedra, porque se a pedra abala, a fortuna rolda ó abalador; pasaredes por debaixo da pedra dos cadrís, se a axilidade necesaria ou as graxas dos ben mantidos vos deixan, e se a vosa cabeza encaixa na chamada pedra da cabeza, seguro que aliviaredes as xaquecas se as tendes. Cada pedra unha parte da nave en que viaxaba a VIrxe, xa a vela ou o temón. unha nave que ficou petrificada tras algún raro naufraxio.
Todos son vellos cultos precristiáns que se adaptaron coa nova relixión e se manteñen ó largo dos anos e dos séculos, seguramente porque a devoción é máis forte ca ningún outro pedido e sempre había a desculpa de que se o santo non dá “é porque non estaba de Deus”. Pero seguramente, se entrades na igrexa, veredes os exvotos doados por mariñeiros de carne e oso que tamén sufriron as batidas deste mar, de mariñeiros que estiveron en perigo de naufraxio ou por náufragos que en perigo de morte se lembraron da santa (que á vista está como lle quedou a súa barca de pedra) e lle ofreceron a maqueta do barco, ou algunha parte do mesmo se os salvaba; e habedes de saber que dese costume xa se ten escrito moito antes de que a
Virxe chegase a estas terras, pois xa na Eneida se conta de que no Laurentino, había unha oliveira onde os mariñeiros colgaban as roupas que levaban cando naufragaron, e invocando a Fauno foron salvados e devoltos á terra.
     A xente mariñeira sempre foi agradecida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario