Coma cada
ano, o domingo anterior ó día oito de setembro, que é o da celebración, Nosa
Señora de Caión retirouse á ermida que queda por encima da vila mariñeira do
concello da Laracha, o Outeiro, desde a que a Virxe pode contemplar a entrada
dos pescos que volven coa amañecida das súas faenas nocturnas, e ver o sol
cando se pon, nesa liña onde ceo e mar se confunden.
E aló
permanece Nosa Señora ata o domingo seguinte ó do seu día, en que volverá a
baixar para ficar entre os pescos acollidos ó seu amparo.
Quen
ocupaba este outeiro antes de que Nosa Señora o escollese como lugar de retiro,
non o sei. Seguro que aquí asentou un poboado a onde, cando os ventos do
inverno acometían ese punto costeiro, se retiraban os paisanos a facer os seus labores
máis ó abrigo. Pero sempre nos preguntaremos a quen lle rezaban aqueles
primeiros poboadores.
Hoxe, os
devotos de Nosa Señora peregrinan desde todos os puntos da bisbarra bergantiñán
e de moito máis aló á súa capela, onde a festa grande coincide co día oito, ese
segundo o que a tradición haxiográfica di que foi cando naceu a Nai de Xesús. E
aí, vemos como os devotos asisten ós actos relixiosos pero tamén ós festeiros,
verbenas, gaiteiros, banda de música bombas de palenque e comidas campestres
(incluído o botellón). E entre eses rituais relixiosos, está o ofrecemento de
exvotos de cera para pedir a cura de determinadas partes do corpo ou da
facenda, o lavado na fonte da santa, onde unha longa ringleira de devotos
mollan os seus panos, lavan a parte doente e deixan o pano coa esperanza de que
secando o pano seque o mal, e o contacto coa santa, neste caso o tocar a santa
imaxe coa estampa da Virxe ou cun obxecto que logo, en contacto co crente,
aportaralle saúde e benestar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario