domingo, 1 de setembro de 2013

A sella, a perfección da xeometría con aplicacións físicas

         
.
         ¿Cantos non tiveron algún contratempo á hora de transportar unha cunca de infusión ou café, desde a cociña ó salón?. ¿Cantos non quedaron sen a bebida e tiveron que coller a fregona xusto cando empezaba a película?.
         O problema que os físicos expoñen é moi doado de explicar, pois ó andar, o movemento transmítese á cunca e esta fai oscilar o seu contido cunha amplitude e frecuencia de onda proporcional á amplitude e frecuencia dos pasos de quen porta a cunca. Os camareiros, procuran compensar esas oscilacións cun artístico e ás veces inapreciable movemento do brazo para evitar que a forza das ondas xeradas dentro da cunca derramen o contido. As nosas paisanas,  sen ser doutoradas en física, cando ían a por auga á fonte e traían os caldeiros ou bañeiras na cabeza, diminuían a incidencia da amplitude das ondas colocando unha folla de verza sobre a auga, precisamente para diminuír a amplitude polo simple peso da folla.
Fonte de Noia en 1926 (Ruth M. Anderson)

         Pero o recipiente máis idóneo, para tal mester é a sella. Quen a inventou debeu ter presente o problema de transporte de auga, sempre á cabeza. A súa forma troncocónica, coa base superior moito máis pequena que a inferior, fai que os picos de onda reboten contra as paredes en altura (dado que están inclinadas cara dentro) amortecendo a transmisión dos impulsos provocados polo movemento ó andar e teñan na superficie unha incidencia mínima, co que a auga moi raramente se derrama.
         O día que alguén invente cuncas de café e infusión de forma troncocónica como as sellas, a ninguén se lle derramará o contido.
        


Ningún comentario:

Publicar un comentario