venres, 20 de setembro de 2013

Casa de economía mixta en Palmeira

Casa de economía mixta
     

         Unha casa tamén nos fala de quen vive nela, a que se dedica, e de que recursos bota man para o seu sustento.
         O economista Manolo González Vidal, ten un estudio no que divide as rías galegas en tres tramos que diferencia polo aproveitamento dos recursos naturais entre os que viven con preferencia do mar, e ocuparían a parte máis próxima á boca da ría, os que combinan a economía agrícola coa mariña, que ocuparían unha franxa central das rías, e os que só usarían os recursos mariños como un complemento da actividade agrícola, situados na parte máis interior da ría.
         Esta casa, de preto do porto de Palmeira, pertencería ó segundo tipo, a aquel no que se aproveitan os recursos mariños e agrícolas por un igual; e nesta casa vese esa combinación de actividades ó combinar as formas clásicas dunha casa mariñeira, con eses esteos sobre os que vai o corredor, baixo o que se lle daba acubillo ás embarcacións ou ós aparellos de pesca, co hórreo que queda a un lado do corredor.
         Esta tipoloxía de casa repítese no entorno do porto palmeirán, nalgún caso algo desfigurado polos novos materiais ou adaptación ás actuais necesidades de uso da casa, que converten o corredor nun balcón ou miradoiro, pero segue conservando as formas, o hórreo e os esteos, ás veces limitados a simples canzorros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario