Pode
ser enganoso iso de dicir de setembro que é o mes dos lumes. Non vos
preocupedes, só é unha pequena licencia que me tomo.
Realmente,
aínda que en Roma, a Vulcano, lle celebraban a festa grande sobre o día 23, os
devotos daquel tempo tíñanlle dedicado todo o mes de setembro para calmalo.
Vulcano
non era un deus agraciado pola beleza, fora fillo non desexado de Xúpiter e
Xuno, que un día, nun simple accidente doméstico provocado polo cabreo de seu
pai, caíu do Olimpo á terra e quedou coxo de por vida. E a vida dos deuses é eterna. Aínda así, sendo como
era tan bo ferreiro, casou con Venus, e por mor da beleza da súa esposa, coroouse cos
cornos que ela lle puxo con Marte. Con todo este currículo o deus non podía ser
todo o feliz que se desexa e tiña as súas arroutadas, e contra elas, os
humildes devotos habían de protexerse.
Despois de festexalo nas calores do estío,
aínda o celebraban neste mes en que había que recoller leña para o inverno,
gardala en seco e sen perigo, preparar fornos e lareiras, e rogarlle sempre ó divino
ferreiro polo ben que el protexía, non fose que nun descoido (ou algunha
arroutada) se provocase calquera desgracia. Talvez por iso, os templos dedicados
a Vulcano estaban sempre fóra da cidade, non fose que se lle cruzasen os cables
e prendese os mistos indebidamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario