xoves, 26 de setembro de 2013

San Miguel


         San Migueliño das uvas maduras, que tarde vés e pouco duras, di o refrán que o lembra neste final do mes, o día vintenove, día de grandes festas por toda a xeografía, como na Pastoriza de Arteixo, e festa tamén en Bréamo, Pontedeume, onde os devotos morden os cravos da porta da igrexa para arredar o meigallo, porque se alguén hai máis eficaz contra o diaño, ese é este arcanxo que armado de espada ou lanza ou tridente ou pica ou o que teña a man, sempre aparece co pé encima do diaño e a arma cravándolla para vencelo. Sen embargo deben ser moitos os demos e poucos os san migueles que o mal non desaparece do mundo.

         Unha das funcións do arcanxo é o de pesar as obras boas e malas para saber quen debe estar no paraíso, tal e como facía o Anubis dos exipcios.
         A el tamén se lle pide contra o raquitismo, unha enfermidade que sempre se asociaba co mal de ollo e coa nefasta influencia do diaño, males que se prevén pasando por debaixo das andas do santo.

         E en fin, que agora que xa está entrando o inverno, o san Miguel lémbranos que tamén hai que estar curado na alma, por se os males deste tempo frío, húmido e desapracible non lle permite ós santos protectores da saúde actuar en pro dos fieis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario