martes, 24 de xuño de 2014

San Guillerme de Fisterra


   
         San Guillerme é un deses santos que, tendo todos os méritos necesarios para sentar en cadeira dourada no ceo, quedan ofuscados por outro santo con máis fama, e así, o san Xoán evanxelista (¿o nepotismo dos curmáns?) quitoulle progtagonismo a este, aínda que, en Fisterra, lle teñan un lugar de privilexio para a súa honra.
a cama do santo

            Quen era este san Guillerme non está claro, pois uns din que era o duque de Aquitania, Guillerme X, que os romances populares coñecen como don Gaiferos, outros din que era un tal Gelone dos tempos de Carlomagno, ou tal vez algún peregrino que aquí ficou a vivir, pero o certo é que neste mesmo lugar, que mira ó Pindo, suponse que antano, moito antes de que a palabra do Evanxeo soase na veciñanza, houbo unha Ara Solis á que os antergos habitantes peregrinaban para pedir o favor dalgún deus e os bens da natureza. Mais, fose como fose, as lendas que sobre este lugar se contan son múltiples e fermosas, facéndonos intuír que sobre un lugar de culto precristián erixiuse unha capela e morou un eremita que contemplaba desde lugar tan privilexiado o Atlántico; e aquí, durante anos de oración e contemplación, fixo o seu sarcófago pétreo e ó acubillo dunha rocha montou o seu oratorio, con tanto tesón, humildade e fe, que as xentes da bisbarra axiña apreciaron o froito da súa palabra. E se en vida fixo florecer o número de devotos adscritos á súa crenza, de morto interveu para favorecer a descendencia daqueles matrimonios a quen, ansiosos por ter fillos, o ceo non llos outorgaba. E así, cando unha parella procuraba santificar a súa unión co froito dun herdeiro que non daba chegado, había de vir (e viña), no intre en que as baleas cruzaban fronte ó cabo para norte, a fornicar sobre o sarcófago do santo; e se fornicaban con fe, o ceo concedíalles o favor, e senón non. O mesmo Padre Sarmiento que andou por aquí no 1745, nolo conta: No hace mucho tiempo, había una pila o cama de piedra en la que se echaban marido y mujer que, por estériles, recurrían al Santo y a aquella ermita.
            Á fin, estamos nas datas do solsticio, cando o sol baila en Fisterra antes de se meter no mar, cando as augas se purifican e o lume renova a vida, E san Guillerme tamén é un protector da vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario