Para celebrar o san Xoán, pero tamén o santo Adrián, e o santo Antonio, saímos o mércores día 11 desde a Torre de Hércules na procura da
luz do solpor en dirección a Fisterre, e de cuxa viaxe daremos cumprida conta ó noso regreso que agardamos para o día 25 deste mes de Xuño.
O experimento que levamos en mente é o de ver
bailar o sol nestas datas próximos ó solsticio, polo que iremos andando, sempre
a carón do mar ata o faro Fisterrán, cargados con sextante, compás e gafas de
sol, co único fin de confirmar que foi certo iso que se conta do Servicio de
Intelixencia dos Castrexos, cando convenceron ás tropas de Décimo Xunio Bruto
de que, aquel que vise bailar ó sol sufriría en si e nas súas familias as
máiores desgracias imaxinables, co que todos os soldados do exército invasor
volveron para ocuparse das súas familias, porque todos, efectivamente, viron que
o sol bailaba unha muiñeira cando se metía no mar, e asustáronse. É lenda, pero
quedou escrita na memoria e a historia dinos que Décimo Xunio Bruto tivo que
abortar a conquista pretendida, e os mesmos romanos, houberon de agardar un
século máis para que outros xenerais e con outras maneiras máis pacíficas de
asinar a paz se atrevesen a entrar neste territorio.
E por certo, dado que os intrumentos de cálculo
ocupan moito espacio, vémonos da obriga de limitar os víveres, co que, aquel que
queira, pode procurarnos nalgún lugar da Costa da Morte, sempre e cando a súa
visita sexa acompañada dunhas boas viandas, polas que vos damos as grazas
anticipadas.
E tamén, moitas grazas a todos polos ánimos que
nos dades de cara a tan arriscada empresa.
Amigos meus:
ResponderEliminarO día elixido para a partida é especialmente marabilloso, talvez bo presaxio do que vaia deparar a aventura no seu conxunto.
Os chamados a compartir viaxe dende a distancia sentimos a necesidade de coñecelo todo coma se camiñásemos ao voso lado, polo que vos invito a deixar testemuño segundo a segundo neste blog.
En canto ao servizo de catering, pedide por esa boquiña e seravos dado.
Con moito afecto, ata a próxima comunicación.