luns, 29 de setembro de 2014

Os lentes de san Xerome



   
       O certo é que san Xerome nunca usou lentes, e sen embargo aí o vemos en case todos os retratos post-morten que lle fixeron rodeado de libros e papeis, e cos seus quevedos pendurados ó nariz, porque se ben é certo que o santo doutor da Igrexa viviu no século IV, foi bautizado cando xa tiña dezanove anos e deixou a vista entre os libros do Novo e do Vello Testamento, para escribir a Vulgata, tamén é certo que as gafas, antiparras, anteollos ou quevedos non foron inventados ata o século XII. Do mesmo modo, se lle facemos caso ós retratos que del se sacaron en que non facía máis ca darse golpes cunha pedra no peito nu diante dun crucifixo, podíamos pensar que non durase moito a súa vida, e sen embargo morreu a avanzada idade para aquela época, ós oitenta anos nun mosteiro de Belén. Tamén o retratan cun león, que polo visto era a súa mascota desde que lle sacou unha espiña dunha das gadoupas.
            E agora aí está, este erudito do século IV, intercedendo diante da divindade polos estudiantes, arqueólogos, bibliotecarios, libreiros, traductores e xente que anda mal da vista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario