sábado, 21 de xaneiro de 2017

Axudas á natalidade




                 Moncho di que xa ten idade de ser avó e o seu fillo, a catro anos de casado rézalle máis a san Pancracio que a san Ramón. Si, o rapaz ten traballo e a súa compañeira tamén, pero din que como quede embarazada aríscanse a que lles apliquen o finiquito por fin de obra, que  todas esas axudas que se lles ofrecen en días de permiso, despois de moito analizalas polo miúdo, semellan máis unha trampa para xerar desemprego ca para favorecer a quen quere formar unha familia.
     Opinan eles, que naceron na era das desconfianzas, que iso de aumentar o permiso por paternidade e maternidade queda moi ben nos papeis pero, ¿hai algún empresario disposto a conceder tales vacacións gratuitamente, ou máis ben non lle gustaría acurtalas?. E aínda que quixera non se vai resolver moito coa medida, pois despois dun mes ou de seis un neno segue necesitando unha atención constante que ningún pai en idade laboral pode dar. As embarazadas, que sempre foron as mulleres máis protexidas do mundo, veñen a ser as primeiras vítimas desta prevalencia da produción de riqueza sobre a continuidade da especie, conclúe Moncho. E aínda que a cada polígono industrial se lle obrigase a abrir unha gardería infantil, co fin de que un pai ou nai, na mesma hora do café puidese acercarse a ver como está o seu neno, o asunto non melloraría, porque calquera parella antes de ter un fillo necesita dúas cousas fundamentais: a seguridade de que vai poder crialo e tempo para facelo; e iso non se soluciona cun cheque, nin cunhas vacacións extra, nin cunha receita para ter os cueiros gratis. Ou sexa, que as políticas para fomentar a natalidade van de fociños contra o despacho dos empresarios, e mentres non se poña o foco en asegurar a estabilidade laboral, ter un fillo é un risco imposible de afrontar.
     Na opinión de Moncho, as axudas á natalidade, a quen vai haber que darllas vai ser precisamente ós empresarios.
     Xa sabemos que no emprego público gozan de máis beneficios e conciliación real ca no privado, e iso, máis ca unha vantaxe é unha discriminación que nos aboca a unha sociedade de funcionarios, carente de produción fabril, onde a meta será sacar unhas oposicións do que sexa e deixar que pechen as fábricas, a non ser que estas se socialicen, para que todos sexamos empregados públicos. E se ben non está mal que os pais tamén gocen desas catro semanas para dedicarse ó recén, que acaban de entrar en vigor, xa sabemos que a partir de agora, nas entrevistas de traballo, tamén se lle preguntará ós varóns, e non só ás mulleres como viña sendo costume, se pensan ter fillos, porque o problema nace, sobre todo, no ámbito da empresa, e os empresarios, calquera baixa por enfermidade, paternidade ou vacacións séntena no peto.
     Así que volvemos ó mesmo, os primeiros a quen temos que motivar para que entendan que o da renovación xeracional, esa cadea que empeza tendo quen lle dea o biberón ós cativos e acaba tendo quen lle pague a pensión ós vellos, é á clase empresarial. Para eles van ter que ser as axudas, porque, desgraciadamente, cada vez faise máis real o de “pensa mal e acertarás”, e segundo o exposto (e mentres non lle quitemos a razón a Moncho), darán mellor resultado no peto de quen ten que facilitar a conciliación laboral, fomentando contractos a persoas en idade núbil.
     Como queira que sexa, ata neste asunto, o empresariado ten a tixola polo mango. 
     (Este artigo  foi publica en La Voz de Galicia, adición de Barbanza, baixo o epígrafe de Lingua Proletaria)

Ningún comentario:

Publicar un comentario