Como galano de reis
para todos os seguidores deste caderno, aquí tedes un grupo de persoas de
Cámara de Lobos, na illa de Madeira, que en certa ocasión me sorprenderon
cantando os Reis
polas rúas. Un costume que na nosa Galicia está practicamente perdido,
restrinxido só a pequenos grupos de nenos adestrados por algún profesor
sensibilizado cos feitos culturais que nos son propios. Pero aquí non, aquí son
as mesmas xentes do pobo, que saen sen maior pretensión ca continuar un antigo
costume.
Aínda que o vídeo
está feito cunha cámara de afeccionado e con toda a improvisación de quen é
sorprendido de súpeto por esta espontánea manifestación cultural, no que a
penas se escoitan as voces, e o son non é todo o bo que sería de desexar, pode
dar idea do que vén sendo esta expresión cultural que, para os interesados,
seguro que poden atopar algunha páxina mellor gravada en YouTube, tanto de terras portuguesas como galegas.
Menos espontánea, é
estoutra que disfrutamos fronte á catedral do Funchal.
Francisco acabas de me facer lembrar os tempos da miña infancia. Algunha vez tamén eu fun cantar os Reis, eramos rapaces, vestiamos a roupa de todos os días, non nos acompañabamos de instrumentos. Tratei de lembrar a letra dalgún daqueles cantares e só me vén unha á cabeza, que ademais paréceme un híbrido de Nadal-Reis. As estrofas que lembro dicían máis ou menos:
ResponderEliminarSan José e maila Virge
camiñaban pra Belén
iban cantando nos Reices
cantémolos nós tamén.
San José iba moi triste
porque iba polas montañas
a Virge iba contenta
co seu fillo nas entrañas
Aquí encóntrome cun espacio en blanco de unha ou dúas estrofas, nas que os viaxeiros chegan ás murallas de Belén:
Abre las puertas, puertero,
puertero de puertería.
Estas portas non se abren
hasta que amaneza el día.
Estas puertas se han de abrir
que quere parir María.
Logo volvo ter outro espacio en blanco para rematar finalmente cos máis coñecidos versos do
Cantámolos Reices do quiquiriquí...