martes, 10 de xaneiro de 2017

¿Existiu o rei Arturo?



      Gustaríame que si, que o rei Arturo fose unha persoa real, de carne e óso, e que fose así como se representa na literatura, un home sensato, valente e respectado. Pero a verdade é que non é doado que houbese naqueles tempos tan boa persoa en cadeira tan alta, e tal e como nos chegaron as súas fazañas, máis parece un ser mítico ca un ser real, sensato na guerra e sensato na paz.
       Como personaxe literario, el e toda a súa corte, asesores e cabaleiros, damas, esposas e amantes dan para facer a historia dun mundo paradisíaco, un retorno á Ausonia romana, cando deuses e humanos vivían en harmonía , ese paraíso que tanto lles gustaba ós escritores do Renacemento e que foi recuperada con esa aura de misterio e o romanticismo propio no século XIX. De existir, estou por dicir que ata sería o político ideal. Pero entre o querer e o poder sempre houbo un muro ben ancho.

     Pois ben, aló por finais do pasado século, no 1998, nas escavacións do castelo de Tintagel (Cornwall) no  que se supón que é o lugar de nacemento de Arturo, apareceu unha pedra, un simple anaco de louza que cabe na palma da man, formando parte dunha obra de drenaxe do castelo, que vén a converterse na partida de nacemento do mítico rei, por ter unha inscrición en latín na que se pode ler a palabra Arthnou, que os entendidos aseguran que se corresponde ó nome de Arturo, e a partir daquí quedan abertas todas as hipóteses.
     Posiblemente existiu realmente un tal Arturo, un nobre a quen as lendas e os contos loan como o gobernante ideal, pero por desgracia ese anaco de pedra non di se era tal e como nolo pintan.
     Por desgracia, o desexo, a imaxinación e a realidade non van no mesmo carro, pero eu sigo crendo no Arturo literario e en toda a súa corte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario