mércores, 4 de xaneiro de 2017

O LECTOR E A LECTURA




Por Pepe de Rocaforte


      A semana pasada ocorríaseme ilustrar o meu comentario sobre lecturas cunha reprodución da figura do Doncel Martín Vázquez de Arce no seu sepulcro da catedral de Sigüenza e con tal motivo viñéronme á cabeza algunhas matinacións sobre o lector e a lectura ó longo da historia.
     Xa sabemos que semellante ocupación na que, segundo opinión común, perde o tempo algunha xente (parece ser que cada vez menos), non goza de moi boa sona entre o público en xeral. Abonda con lembrar expresións como “Fulano dedícase a vivir do conto”, “Mengana é unha rapaza moi novelera” ou, alá por terras sudamericanas, “Perengano ten moito verso”.
Aquel mozo (o Doncel), morto en 1486 nunha escaramuza da guerra de Granada cando só contaba vintecatro anos, reproducido no seu túmulo absorto na lectura dun libro, entenréceme, pero tamén me preocupa cando me fai pensar noutra figura, a estas alturas máis que de ficción: a de Alonso Quijano, Don Quijote de la Mancha, quen, segundo conta Cervantes, perdeu o xuízo coa lectura abusiva de libros de cabalarías, e tamén doutros de poesía conservados na súa biblioteca de máis de cen volumes, segundo o non moi escrupuloso reconto do Cura e o Barbeiro.
      Este modo de lectura só para un mesmo aínda tardou tempo en se converter nun costume habitual practicado tanto por Don Quijote como polo Doncel de Sigüenza. Pero a estas alturas non deixa de ser curioso lembrar o raro que lle pareceu a San Agustín ver a San Ambrosio lendo en silencio. “Cando lía”, conta o santo, “facíao pasando a vista por riba das páxinas” sen erguer a voz, algo para Agustín sorprendente.
      Desde épocas medievais nas comunidades relixiosas era habitual á hora das comidas, nos refectorios dos conventos, haber un lector ou lectora que mentres a comunidade se dedicaba á manduca, procedía a ler en alta voz pasaxes da Biblia.

      É este un feito abondo coñecido, pero algo máis sorprendente, polo menos para min, foi descubrir que nas fábricas de tabaco de Cuba aínda a comezos deste século XXI (e creo que a práctica continúa hoxe) facíase outro tanto. Mentres os traballadores se dedicaban (ou dedican, xa digo: non o sei con seguridade) ó seu labor, o lector sentado nunha cadeira sobre unha tarima dáballe un repaso en voz alta á prensa diaria e outras literaturas de diverso tipo, desde novelas de amor a textos soviéticos na boa época das relacións con Rusia.
     A práctica da lectura en voz alta como método de aprendizaxe foi cousa habitual nas escolas e aínda hoxe http://es.slideshare.net/guestf82c87/lectura-en-voz-alta  se trata de volver sobre ela . Na escrita ó lector cómprelle supor, imaxinar, recuperar a entoación do texto para entender mellor a súa mensaxe. “O texto escrito”, dise, “en si mesmo é un artefacto incompleto que precisa dun lector competente que o interprete e lle dea sentido”. E a lectura en voz alta parece ser a mellor maneira de o comprender e o asimilar.

2 comentarios:

  1. Admirable sutileza a de Pepe de Rocaforte para levarnos por territorios literarios ígnotos, para descubrirnos autores e libros dos que descoñeciamos a súa existencia. Autores aparentemente sen lectores e libros que parecería que están agardando por unha man que os recolla dos andeis e os agarime, de tan sós e calados.Tan olvidados. Libros e autores en linguas distintas e de culturas diversas, unhas cercanas e outras máis arredadas.
    Sempre hai unha observación suxerente nas súas lecturas, un punto de vista inesperado. E todo contado nunha prosa limpa, cun relato claro. Agora só nos queda agardar até a próxima semana. E xa non nos dá chegado o día!

    ResponderEliminar
  2. Moitas gracias, señor Quiroga, polo regalo de Reis deste seu comentario que só me atrevo a admitir considerándoo como unha amable ironía pola súa parte.

    ResponderEliminar