xoves, 26 de xaneiro de 2017

ERNST GLAESER “O DERRADEIRO DEFENSOR”




Por Pepe de Rocaforte
     Rematada a 1ª Guerra Mundial a Alemaña derrotada, destruída e humillada por un Tratado de Versalles no cal non foi admitida a participar, víase obrigada a firmar sen outra opción as condicións presentadas polos vencedores: perda das posesións coloniais e concesións territoriais na metrópole, pago de exorbitantes indemnizacións económicas e desarme dos exércitos. A República de Weimar iniciaba mal a súa andadura.
     Sen embargo Johan Kaspar Bäuerle, personaxe principal da novela “O derradeiro defensor”, de Ernst Glaeser, emigrado de neno cos seus pais ós Estados Unidos, onde amasou unha considerable fortuna, é optimista con respecto á situación. Para el, inimigo do espírito prusiano por herdanza paterna, a Alemaña non fora derrotada, o aniquilado fora o exacerbado nacionalismo e o belicismo expansionista do Segundo Reich e agora podería renacer a verdadeira Alemaña para o cal el, ós seus cincuenta e sete anos, regresa disposto a poñer os seus coñecementos e a súa fortuna ó servizo da reconstrución nacional.
     Pero o ambiente de humillación e destrución, xunto coa descomunal inflación forzada polas indemnizacións que o país debía pagar ós países vencedores, levou a un rápido deterioro da situación económica e social e ó consecuente desemprego e miseria, óptimo caldo de cultivo para o renacemento dun nacionalismo exacerbado aproveitado por Adolfo Hitler para iniciar a súa ascensión ó poder.
     En “O derradeiro defensor” Glaeser describe os primeiros pasos daquel movemento, considerado en principio unha especie de xogo de nenos, cos seus uniformes, as súas manifestacións, as súas desmesuras e os seus ataques ós principais chivos expiatorio (neste caso os xudeus) como principal elemento cohesionador. A adhesión ó movemento hitleriano medra a cada paso con máis forza ata en 1933 acadar o poder nunhas eleccións democráticas despois de ter fracasado nun seu anterior intento de golpe de estado.

     Johan Kaspar Bäuerle, o patriota anti-militarista, sufrirá o vandalismo nazi coa destrución dunha industria agrícola montada por el na súa cidade natal, unha imaxinaria Siebenwasser, no sur da nación. A súa única filla, que mantén unha relación cun mozo nazi, forzado ó suicidio ante a disxuntiva de elixir entre o Partido ou o amor da filla do “inimigo”, vaise tamén co pai, e desta volta a marcha é definitiva.
     A descrición, nunha pintura de primeira man, deste ambiente irracional de temor e represión, de persecución a cantos poden ser considerados inimigos da patria, é dicir: a todos os que non aceptan incondicionalmente o ideario nacional-socialista, é para min a maior virtude desta novela, que serve ó mesmo tempo para facernos reflexionar sobre o noso mundo actual, onde asistimos ó crecente desprestixio da clase política, á creación dun novo inimigo, o islamismo, e á aparición de iluminados, chámense Kjærsgaard, Wilders, Le Pen ou Donald Trump, dispostos a aproveitarse dos nosos medos para acadar o seu medro persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario