luns, 14 de outubro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (40)


                                                                                    O Curmán de Undochán

      Cando aquí se fala da región estáse a falar dunha ampla zona da América do Sul, case que de toda Sudamérica. Nos anos das vacas gordas -dito que ben puido ter orixe nestes países gandeiros- era proverbial o grande número de estudantes da rexión que chegaban a Montevideo para cursaren estudos superiores na daquela única institución dese nivel no país: a Universidad de la República (hoxe UdelaR, con esta paixón que teñen os uruguaios polas siglas): é que nesta avanzada república esa educación universitaria, como a dos niveis inferiores, tamén era gratuita. Voces erguíanse para denunciar esa sangría económica en beneficio duns alunos que acababan voltando aos seus países a exerceren a sua profesión.

            Locomotora (1958), de Manuel Pailós,
 tal vez emparentada coa outra
 sua Locomotora de 1944
            Nestas décadas de vacas nin gordas nin fracas -as vacas fracas reinaron xa demasiado tempo!-, déuse un feito moi singular: médicos oftalmólogos cubanos, máis adiante secundados por profesionais nativos, brindaron a sua solidariedade atendendo gratuitamente a miles de uruguaios económicamente deficitarios: un labor extraordinario desenvolvido no Hospital de Ojos “José Martí”, creado (2007) con tal finalidade nas instalacións do Hospital Gustavo St. Bois do barrio de Villa Colón: máis de 50.000 uruguaianos (nunha poboación de tres millóns e piquiño) se teñen beneficiado desta iniciativa.
            Curiosamente, un médico nado en Pamplona, mais vivendo aquí desde neno, o Dr. Pablo Purriel, tivo (1944) unha idea orixinal: decorar as frías paredes daquel sanatorio público con ata 35 murais a cargo do obradoiro “Torres García”, co obxecto de humanizar o establecemento. (Purriel, socialista, sería, nos anos 70, o último ministro de Salud Pública previo á ditadura 73-85). Este mesmo ano fomos informados do rocambolesco proceso que significou transportar diariamente varias decenas de artistas plásticos para depositalos horas naquel lugar, tentando o seu profiláctico aillamento, dado o carácter de centro para infecciosos que naquela época tiña o sanatorio... (Entre eses pintores estaba Manuel Pailós, un cormelán -que cambiou o acento do apelido-, criado desde cativo en Montevideo, pertencente á escola construtivista).
            Dr. Manuel Albo
polo escultor español Pablo Serrano (1953),
residente durante anos no Uruguai
         Outros centros sanitarios capitalinos de importancia, fora o enorme Hospital de Clínicas (universitario), foron e son, pola parte que nos toca como galegos, o Hospital Español (nutrido con varios médicos nosos, tal o laxés de 1866, Dr. Ramón S. Vázquez), a Sociedad Española Primera de Socorros Mutuos (vulgo, La Española, fundada en 1853 por José Mª Buyo -suposto gaditano con ese apelido tan betanceiro e ferrolterrán-, onde se ostenta o busto do Dr. Albo), ou o Hospital de Casa de Galicia (ver Crónica 12), ou mesmo o Hospital Pereira Rossell (ver Crónica 6), entre unha ducia máis.
            En falando de médicos galegos ou fillos operantes (e nunca tan ben dito) no Uruguai, aí están os nomes de Serafín Rivas (Nogueira-Meis, 1833, un dos pioneiros, tendo en conta que a Faculdade de Medicina nacional aínda naceu en 1875), Joaquín Canabal (Montevideo, 1860), Prudencio de Pena (Montevideo, 1875), Manuel Albo (Viveiro, 1886, de quen tanto sabía o finado amigo Dr. Fausto Galdo), ou, máis acá, Roberto Caldeyro Barcia (con tres abós galegos, el mesmo “doutor honoris causa” da universidade compostelá)..

Poema extemporáneo: “Ciudad que se oye como un verso. Calles con luz de patio. La noche nueva es como un ala sobre tus azoteas” (“Montevideo”, fragmentos, por Jorge Luis Borges).

Ningún comentario:

Publicar un comentario