sábado, 12 de outubro de 2019

Semellanzas

  
  Non somos únicos nin estamos sos. Os nosos medos e alegrías son semellantes a moitos outros noutros puntos do planeta e da historia. As modas, modos, usos e costumes transmítense de pobo en pobo, cópianse, adáptanse e mellóranse no día a día. E iso tamén forma parte da evolución. Podemos ser diferentes pero non dispares. 
     Hai algúns meses, unha coñecida revista científica publicaba un artigo onde se detallaba como viaxou a agricultura desde a Anatolia, onde apareceron os primeiros vestixios, ata o extremo oeste de Europa a unha velocidade aproximada de un quilómetro por ano. Esa mesma revista, noutro número, ocupouse do estudio de distintas lendas recollidas entre nativos americanos e africanos con claras conexións cos mitos gregos, como un método para coñecer o momento en que eses pobos, que pensabamos illados e só descubertos a finais da Idade media, tiveron algún tipo de contacto, raíz ou procedencia. Á fin, o ser humano, desde os mesmos albores da humanidade, é emigrante por natureza, xa sexa entre continentes ou entre aldeas, e aínda que nun momento dado se asenta naqueles espazos máis propicios para eles, a viaxe sempre formou parte da súa condición, conscientes de que quen viaxa coñece e trae novidades. Polo xeral o viaxeiro abandona o mal e adopta o bo.
     Dentro de Europa, onde a influencia do mundo romano e do cristianismo unificou a moitas deidades, é máis doada de entender a similitude entre ritos e crenzas. E comprobeino este verán, cando tiven o pracer de coñecer a un leonés e unha checa unidos polo interese e a curiosidade etnográfica, con quen pasei unha tarde compartindo algunhas das nosas singularidades e comprobando que non eran tan singulares.
     Cando me anunciaron a súa visita, o primeiro que sentín foi algo así como un desconcerto. Que se lle podía perder a unha checa en Galicia?, porque o leonés, á fin, viña sendo un parente noso. E entón lembrei un libro sobre etnografía húngara que lera había tempo e procureino para, por aquilo da proximidade xeográfica, non sentirme moi desencamiñado. Naquel repaso previo empecei por lembrar ritos moi semellantes ós das nosas festas cíclicas, incluso disfraces de entroido que teñen un marcado paralelismo con algún dos nosos. Rituais relacionados coas colleitas, coa Semana Santa ou con determinados días do ano. Figuras, aparellos ou a mesma distribución da casa tan semellante ás nosas da montaña.
     Encontrámonos á hora prevista diante duns cafés para tentearnos un pouco sobre os intereses de cada un e a sorpresa comezou a enriquecer a tarde. Se nós poñemos a árbore de Nadal de pé, os checos cólgana coa copa para abaixo, se nós celebramos a entrada da primavera co Entroido, eles fano coa Semana Santa pero co mesmo tipo de ritual derivado das lupercais romanas,  e así infinidade de motivos para redundar nesa similitude que, a pesares dos miles de quilómetros que nos separan fisicamente, aproxímannos na cultura tanto material como espiritual.
     Volvín á casa, collín o libro de etnografía húngara e decidín volver a lelo proxectando as case cinco centas diapositivas que no seu día saquei no museo etnográfico de Budapest para seguir sorprendéndome do semellantes que somos e do pouco que nos coñecemos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario