Non imos redundar agora niso de que a
Odisea é unha novela que, disfrazada de aventuras fala da condición humana, da
busca do benestar e do retorno ó seo familiar. Das ansias que nos moven, do
afán de triunfo e dos imperativos de todo tipo que o impiden e atrancan. Supoño
que todas as páxinas deste periódico escritas con letra miúda non serían
suficientes para falar desta obra. Ó final a pregunta que nos podemos facer é quen
foi realmente Ulises, ou Odiseo. Quitádelle a armadura e veredes a un home que
deixa a súa casa na procura de fortuna, que case se empeña para poder viaxar
con intención de retornar da súa emigración, prolongada en máis do que tiña
pensado, para afrontar unha vellez sen coitas a carón dos seus, coa mesma
mentalidade de calquera emigrante capaz de sacrificar o benestar do presente, a
compaña da esposa e a toda a familia coa esperanza de desfrutara con eles os
anos máis difíciles de calquera existencia. Un emigrante que se ve obrigado a
adiar o ansiado retorno por unha serie de vicisitudes que o alongan
inesperadamente e contra os que loita ata vencer a preguiceira comodidade que
algunhas veces o engaiola facéndolle perder ata a memoria de si mesmo. E cando volve
non o identifican, porque a viaxe e o tempo cambian ás persoas e bórrase a
lembranza, pero el si vai recoñecendo a todos, relembrando os lugares patrios
tantas veces ansiados na súa soidade e sabe de quen lle foi fiel na ausencia e
quen non.
Certamente, esta obra ten múltiples
lecturas e cada quen vén facendo a súa practicamente desde o mesmo día que
Homero lla contou a un grupo de feirantes na praza de Esmirna, Atenas, Ítaca ou
calquera dos moitos lugares que reclaman a súa cidadanía. Tamén nós, no noso
parladoiro dos xoves fixemos a nosa particular relectura despois de que alguén
lembrase a un parente que emigrou ós Estados Unidos con intención de volver en
poucos anos, pero finalmente aló ficou con esposa, fillos e netos adoecendo de
morriña pola casa familiar, ou aquel outro que ó final da súa vida puido
retornar para morrer nada máis pisar a soleira.
Tamén sobre a post-Odisea se fixeron
moitas historias e contos, tratando de describir a vellez de Ulises. E como a
literatura é un retrato, mellor ou peor acabado da sociedade, sempre se contou
tomando como exemplo a eses vellos que asollan coa vista no horizonte,
lembrando as pasadas aventuras para evitar a soidade e disimular a morriña.
A Odisea pode ser a grande novela do
Mediterráneo, pero moi doada de trasladar ó noso Atlántico, este mar de
múltiples fronteiras que nos espallou polas súas ribeiras e máis aló, de norte
a sur e de leste a oeste. A Odisea tamén é a novela máis plaxiada, adaptada e
imitada de toda a literatura, xa sexa parcial ou totalmente, adaptándoa ás
peculiaridades de cada lugar; e no que todos coincidimos é que podemos
achegarnos a ela coma se estivésemos mirando a través dun vidrio tinxido da cor
do noso país, os mesmos feitos, aventuras e dores dos nosos emigrantes, porque
se ben é certo que no século sétimo antes de Cristo o Mediterráneo era o cento
do mundo, para nós, incluso antes de que se descubrise América, o centro do
mundo era o Atlántico, por onde se aventuraron desde os tempos dos gregos e
fenicios todos os viaxeiros que procuraban achar un lugar onde a fortuna lles
sorrise.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario