xoves, 10 de outubro de 2019

FACER AMIGOS É UNHA BOA TERAPIA


Por Pepe de Rocaforte
Hai uns días pasáronme un whatsApp coa gravación dun programa da televisión de Dinamarca sobre a existencia de cousas en común das cales non se ten conciencia e a relación que a partir delas se pode desenvolver entre persoas en principio descoñecidas.
Sen intención de facer experimentos vivín recentemente unha situación en certo xeito similar á da xente reunida nese programa da televisión danesa. Neste caso non foron precisas investigacións no pasado das persoas. Tampouco a experiencia se axusta moito ós parámetros do programa televisivo danés. O meu produciuse dun modo tan común nestes días como é saír a pasear o can para que faga as súas necesidades. Si, podedes iniciar un sorriso piadoso, pero para min, que nunca tiven can, nin espero telo no que me resta de vida, foi un pequeno descubrimento.
Sucedeu que unha filla miña saía de viaxe e no lugar de destino non lle permitían levar unha cadeliña da súa propiedade. Recorreu entón á miña muller, e mais a min, para lle quedarmos co animal e aceptamos substituíla por un tempo, pero en lugar de traer a cadela para a nosa casa, fómola coidar na súa. Por se as moscas. Ademais esa tamén era unha boa xustificación para dar unha voltiña por Compostela, cidade onde cada vez que vou descubro algunha cousa nova (para min).
Desta volta foi o Parque da Almáciga, (si, xa me dixeron que ten máis de vinte anos; pero eu non o sabía) e o mellor do caso é que foi a cadela quen me levou a el. Íamos os dous de paseo o sábado pola mañá ó parque de Bonaval e chegados ó máis alto, en lugar de dar a volta, a “señorita” turrou de min cara á porta de saída por aquel lado, para seguir  chea de disposición o “corredor verde urbano” ata outro parque.

Alí, mentres ela confraternizaba cos seus conxéneres dedicados ó mesmo quefacer de brincar e estudiar cheiros, eu establecía relación con outros varios coidadores caninos. A cousa empezou co intercambio de informacións sobre a alimentación dos respectivos cans, asunto no cal non puiden dar opinión. Pero acabei por entrar na conversa cando empecei a coñecer os nomes daquel gando miúdo, empezando por “Buda” e “Cañizo”, dous simpáticos animais de arredor de vintecinco ou trinta centímetros de altor cada un. E xa me impliquei decididamente co propietario de “Zeus” e “Apolo”, dous irmáns de ano e pico, pero o dobre de alto dos da súa compaña.
¡“Zeus” e “Apolo”! Non saben vostedes canto material de conversa nos deron os dous. Tanto que se o puxese aquí triplicaría ou cuadriplicaría a extensión desta pequena historia. O cal non é, naturalmente, o caso. Creo eu.

2 comentarios:

  1. Pásame a min: coñezo o nome dos cans dos veciños pero non sei o nome dos propietarios.

    ResponderEliminar
  2. Pois agora que o di vostede decátome de que tampouco eu sei o nome de ningún dos paseantes de cans con que me atopei neses tres días. É curioso. E sintomático.

    ResponderEliminar