A
media mañá, nesa hora en que as rúas se enchen de cafeteiros saíndo das
oficinas e xubilados cansos de ler noticias e escoitar as radios, a miña rúa
énchese de avós paseando cochiños de nenos. Moitos menos dos que sería de
desexar, pero suficientes para que esa imaxe se grave na memoria e me lembre o
álbum de fotos de miña tía María, onde os cativos sempre estaban no colo das
súas nais e os cochiños eran, asemade, conducidos por elas, quen, moitas veces,
non só cargaban co froito da súa descendencia, senón tamén coa gabardina do
esposo para que el fumase tranquilo se lle apetecía.
É
curioso que os paseantes matutinos de cochiños sexan maioritariamente varóns
canosos, e non porque sexan viúvos, senón porque mentres eles presumen de coidar
ós netos, excepcións aparte, as esposas están na casa preparando as manxadoiras
e acondicionando o fogar, o cal me fai pensar que non se mellorou tanto como se
di na separación de roles. Son primeiros pasos pero aínda queda moito por
andar.
Esa
observación fíxome lembrar outras vellas fotos do álbum familiar, do camiño das
romarías, a onde se acudía coa imprescindible boa intención de pasalo ben, reunidos
en dous grupos principais, os homes xuntos e lixeiros uns pasos por diante das
mulleres, tamén xuntas pero con cadansúa cesta de viandas á cabeza, que o día
anterior se afanaron en preparar. Por iso, a pesar de todo o que se diga, de se
o momento máis feliz dunha nai é cando o neno di a súa primeira palabra, que
polo xeral soe ser “Mamá”, estou convencido de que era cando daba o seu
primeiro paso, cando se entende que a crianza empezaría a deixar de ser unha
carga.
Moitas
veces eran as mesmas mulleres quen animaban ós esposos a non cargar con aquilo
que por uso e abuso era cousa delas –ti cambias o aceite e eu lavo o coche-,
para que ninguén puxese en dúbida a súa masculinidade. Que un home tendese a
roupa ou fregase o chan era pouco menos ca un delito na veciñanza. Contábame
unha daquelas resignadas esposas como certa tarde, cando ían saír da casa dos
sogros para a deles, o esposo propúxolle agardar á noitada para levar el ó
cativo no colo sen ser visto nin criticado. “E non era por covardía, senón para
evitar murmuracións”, aclárame.
Sen
tomar a parte polo todo e sen deixar de censurar condutas arcaicas, non é certo
que homes leven incrustado o machismo no seu cerne, anque si poden quedar
rémoras na idea, iso que se dá en chamar “micromachismos”, que non por ser
micro son menores. En xeral (que excepcións sempre as houbo e haberá) como
dicía o profesor Mariño Ferro hai uns días neste xornal, o machismo é máis unha
cuestión cultural ca algo instintivo. E contra eses costumes, tradicións e
malos hábitos pelexamos uns e outros.
Por
sorte, así como sempre houbo verdadeiros cabaleiros a quen non lles importaba
ser acusados de maricallos por botar unha man nos labores da casa, aínda quedan rémoras que de portas para dentro
seguen sendo máis “energúmenos” ca os cavernícolas dos tebeos para xustificar
aquela frase tan propia das solteironas de antano, preferindo quedar para
vestir santos ca para espir borrachos, que no fondo non deixa de ser un
primeiro aviso contra o machismo exacerbado, do que, sen necesidade de acudir á
prensa diaria, todos, desgraciadamente, coñecemos historias que nos arrepían
entre tantos primeiros e esperanzadores paso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario