Non
vou falar do Nobel de literatura, sempre o máis polémico e inesperado de cantos
se conceden cada ano, xa sexa por comunista ou por facha, por coñecido ou non.
Incluso máis polémico co
da paz cando llo deron a Obama ou a Kissinger. Nin os descubridores das
vitaminas, os raios catódicos, o láser, as comunicacións inalámbricas, o
transplante de vasos sanguíneos e toda esa lista de avances que nos fan máis
doada a vida tiveron a mesma ou similar relevancia ou protagonismo no seu día
grande. Tampouco todos os Nobel teñen o mesmo valor.
Xa
pasou a semana dos anuncios para darlle paso ás dúbidas, críticas e
xustificacións. Aínda queda por diante máis dun mes para preparar os smókings e
os flashes e eu seguirei preguntándome por que non llo deron a este ou a aquel.
Cada quen ten o seu preferido, e se unhas veces festexamos a elección, este ano
xa saltaron voces escandalizadas preguntándose a quen se lle ocorreu premiar a
Handke despois do que dixo ou fixo.

Tampouco
sei para que serve realmente o Nobel. Por veces parece que é algo semellante a
eses premios que teñen a algunha editorial mangoneando, só para promocionar á
súa xente, vender papel e facer caixa, mentres médicos, físicos e químicos son
relegados a un lugar de comparsa.

Así
é que non quero falar do Nobel cando se converte nun espectáculo ou nun motivo
de decoración de librerías; pero si cando falamos das obras que nos amosan a
condición humana e nos axudan a entendela, destes escritores e científicos cuxo
labor vai por diante deles. De quen desde o seu laboratorio, escritorio ou
cátedra universitaria, traballa, ensina e dános o froito das súas
investigacións sen agardar medallas nin palmadiñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario