luns, 28 de outubro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (42)


                                                                                     O Curmán de Undochán

Casaravilla (con Bosé en  Muerte de un ciclista)
            Na crónica 18 despregamos unha cativa mostra de apelidos galegos do Uruguai. Daquela incluimos Casaravilla, mais non outros tales Riverós, Ortuño, Sotuyo, Fregeiro ou Salguero, nomes de familia nosos deformados neste país.
            Casaravilla procede dun Juan Caxaraville/Cajaravilla de Oza-Teo, lugar de Vilanova, chegado a Montevideo en 1780, reescrito aquí Cacharavilla: o que fica claro é que o home pronunciaba correctamente sha e non como hoxe, castellanizado, ja. Aquí é de salientar seu descendente o poeta Enrique Casaravilla Lemos (1889-1968), grande amigo de Julio J. Casal (o cónsul-poeta uruguaio na Coruña, 1913-1926)... e aí lembraredes o actor, tamén uruguaiano, Carlos Casaravilla (1900-1981), contemporáneo e colega doutra montevideana en España, Margot Cottens (1922-1999), esta de abós maternos vigueses, Costas.
Cottens, nunha obra de 1955
            Miguel Jacinto Ribeiros/Riveiros, de Monfero, casou en Brest (1801) e dalí viu paulatinamente afrancesado o seu apelido, a comezar pola contumaz acentuación aguda gala: Riveirós, ata dar en Riverós, con perda do ditongo. Un seu descendente foi o xeneral uruguaio Roberto P. Riverós (1874-1942), fundador da arma de Enxeñeiros e ministro. Fillo ou sobriño deste sería Roberto M. Riverós, cónsul do Uruguai na Coruña (1951-1967).
            Miguel Ortoño, “natural del reino de Galicia, obispado de Santiago, como de 60 años” morréu en San José de Mayo en 1816: os seus descendentes acabaron adoptando o euskera apelido... Ortuño! (E así se chama Casa de Ortuño, a actual sede da cultura desa capital departamental). Juan José Sotuyo é un arquitecto contemporáneo cuxo apelido está clamando por un ancestro Soutullo. Clemente Fregeiro (1853-1933) foi un historiador cuxo apelido orixinal  (Freixeiro? Fragueiro?) é un misterio. Non o é, por certo, Luis Gil Salguero (1898-1974), filósofo, que era neto do ferrolán Pedro Salgueiro. (Que nos pode estrañar se na nosa propia terra aconteceu tal cos Outeiros e Monteiros, Lourenzos e Ribeiras -este na orixe dos cervexeiros Rivera-, Mosqueiras ou Lousadas -con esa perda do típico ditongo galego-portugués-... ou cos Teijeiro, Queijo, Fajardo, Gestal, Ginzo, Lage, Araújo ou Ameijeiras pronunciados con J, á española!).
   
De Jondar (enriba) a Fondar (embaixo)
       
Precisamente este complexo antigheada dos galegos emigrados, limitado a un par de apelidos, fíxoos trocar os seus en Sangurgo e Arigón. Mais hai un caso de gheada incombustíbel cal foi o do iletrado galego Francisco Gerónimo de Gondar, que en 1801 encabeza, con éxito, a solicitude para erguer un oratorio, embrión da cidade de Trinidad, co tempo capital do departamento de Flores: pois o que asinou por el a solicitude escrebéu Jondar (como Francisco pronunciaba) de xeito tal que ese J parece un F: así foi como, séculos andados, os trinitarios bautizaron a principal via da cidade Francisco Fondar. (E máis val non intentar rectificalo, pois é, de entrada, unha loita perdida, seguros estamos).


            Neste crisol de apelidos que o Uruguai é, decatarédesvos que dá para todo, moito alén do que podades imaxinar. Curiosamente hai aquí apelidos das Canarias (que foron un día luso ou galaico canarios) que entraron neste país xa castellanizados: Calleros (Calheiros), Marrero (Marreiro), Acosta (Da Costa) ou Rivero (Ribeiro). Mais tamén outros incólumes cal Corujo ou o Fajardo que dixemos antes.
           Olivera, moi común, é deturpación do brasileiro Oliveira. Ora, hai outros apelidos tamén isleños, mais estes dos Azores, que entraron nesta terra precisamente via Brasil, como Da Terra e Da Silveira... que xa viñan disfrazados desde o arquipiélago, onde os introduciran colonos flamengos, que traduciron daquel xeito os seus Van Aard e Van Hagen.

Cantos paralelos de sul a norte: “Los ejes de mi carreta/ nunca los voy a engrasar...” e máis: “Carriño que cando cantas/ é cando levas máis peso...”

1 comentario:

  1. Marta Georgina Riverós31 de agosto de 2023, 01:26

    Al fin me entrero, a ciencia cierta sobre el origen de mi apellido, y su tan singular acento. Viva Galicia !

    ResponderEliminar