Por Pepe de Rocaforte
Cando nalgunha ocasión se me ocorre poñerme a tratar de
descubrir o que é a felicidade e como acadala, só me veñen á cabeza recordos
tópicos das épocas da infancia e adolescencia, en situacións case sempre
relacionadas co verao, as vacacións, o
mar, a praia, porque naquelas ocasións sentíame nun estado de beatitude hoxe
para min inalcanzable.
Agora mesmo véñenme á memoria unhas vacacións de rapaz en
casa dos pais dun amigo, nunha vila mariñeira da ría de Vigo. Alí dábanse as
condicións necesarias para un perfecto estado de felicidade desde o meu punto
de vista: adolescencia, verao, mar, praia, amigos, todo o tempo libre, ¿que
máis podía pedir?
E xusto pensando neso acabo de sentir unha iluminación
como a das bombillas que se prenden sobre a cabeza das personaxes nas
historietas de debuxos cando se lle ocorre unha grande idea. No meu caso veume
á cachola algo no que anteriormente non reparara: naquela casa descubrín unha
colección case completa das aventuras de Guillermo Brown e nada máis empezar a
ler un daqueles libros sentinme illado por completo do que podía haber arredor
de min.
Aquela noite non sei canto tempo botei na cama, antes de
quedar durmido, coa lectura das aventuras daquel rapaz extraordinario. E ó día
seguinte, despois de almorzar, púxenme de novo a ler con tal entusiasmo que o
meu amigo houbo de insistir dúas ou tres veces para facerme deixar a novela e
marchar á praia con el e outro par de rapaces. De maneira incrible o atractivo
dos libros impoñíaseme ó do mar e as ondas.
Este redescubrimento lévame a pensar noutros libros que na adolescencia me fixeron sentir as mesmas sensacións de felicidade plena. Moitos deles non é preciso nomealos, pertencen
ó grupo de lecturas que se nos ofrecían a case todos os rapaces: “As aventuras
de Tom Sawyer”, “A illa do tesouro”, “Kim” ou “O libro das terras virxes”,
entre outros.
No meu caso conservo outros moitos títulos algo menos
habituais: “Pan” e case todas as restantes novelas de Knut Hamsum, “Paulo e
Virxinia”, “¿Quo vadis?”, as “Rimas e Lendas” de Bécquer, ou, curiosamente,
“Romance de lobos”, que a empregada da biblioteca da Deputación onde o collera
para ler me dixo que non o levase: era un libro pouco adecuado para min.
Para finalizar volvo a “Kim”, porque aínda agora se me
fan tan presentes as sensacións de felicidade absoluta con que ducias de veces
acompañei a viaxe do rapaz hindú e o Santón a través
da India, que estou pensando en poñerme a ler por enésima vez a novela
de Rudyar Kipling que encheu de pracer tantas horas da miña mocidade, a ver se
podo sentir de novo, anque só sexa nunha mínima parte, o que me fixo sentir de
rapaz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario