O Curmán de Undochán
O
poema de Borges, “Montevideo” do que estraimos uns anacos na última nosa
Crónica, pertencente a Luna de enfrente (1925), apenas é unha cativa
mostra da frecuentísima presenza deste país na obra do arxentino. Desde Cuaderno
San Martín (1929, co seu poema “La Recoleta”), ata Atlas (1984:
“Colonia del Sacramento”) o Uruguai aparece en libros de prosa e ensaio ou
verso como Discusión (1932), Ficciones (1944: “Funes el
memorioso”), El Aleph (1949: “El muerto” e “La otra muerte”), El
hacedor (1960: “Susana Soca”), Para las seis cuerdas (1965: “Milonga
para los orientales”), El informe de Brodie (1970), El libro de arena
(1975: “Avelino Arredondo”), La moneda de hierro (1976: “Coronel
Suárez”), ou Historia de la noche (1977: “Milonga del forastero”)...
Por que
tanta dedicación? Pois é que don Jorge Luis tiña dous abós orientales:
Francisco Borges (paterno) e Leonor Suárez (materna, esta, filla do citado
Coronel Suárez) e o propio escritor ten
pasado tempadas desta banda do Prata. Mesmo dous núcleos, Tacuarembó e Paso de
los Toros, son mencionados especialmente, aquel, e non só, en “El muerto”, que
dera orixe (1975, polo director arxentino Héctor Olivera, o mesmo de “La
Patagonia rebelde”) ao filme con ese doble nome, un fiel ao do conto, o outro
“Cacique Bandeira” aludindo ao personaxe do mesmo, encarnado por Paco Rabal.
Fita que, supervisada por J. C. Onetti, fora en parte filmada en campos
tacuaremboenses.
No mesmo
departamento (lembrade: municipio con extensión de provincia) radica Paso de
los Toros (pasos son as pasaxes ou vaus, neste caso do grande Río Negro),
berce, por exemplo, de Mario Benedetti e de algo menos literario mais
igualmente famoso como é a auga tónica “Paso de los Toros”: nada aquí foi adquirida posteriormente por unha
multinacional e, como aquel extracto de carne “Fray Bentos” (Crónica 8),
universalmente coñecidos ambos os produtos.
Ora,
o caso de Borges repítese en multitude de individuos de ambas as beiras dos
ríos Uruguai e Prata. E muita vez derivado da política e os seus exilios. Houbo
e hai moreas de xentes que cruzaban e cruzan nos dous sentidos este charco
rexional, fuxindo de gobernos ditatoriais adversos... ou mesmo da Xustiza. Se
ben en bastantes outras ocasións a
pasaxe era en sentido Montevideo-Buenos Aires, por razóns de traballo ou,
artistas e escritores, procurando a fortuna cultural na megaurbe porteña: é
rara a familia montevideana que non ten ligazón de sangue con outras familias
bonaerenses e viceversa.
Estes cruzamentos fluviais tamén se
teñen dado polo litoral do rio Uruguai, de norte a sul, suposto das cidades
máis ou menos enfrontadas de Salto (Uruguai) e Concordia (Arxentina), Paysandú
(Uruguai) e Colón (Arxentina) e Fray Bentos (Uruguai) e Gualeguaychú
(Arxentina), ficando neste ponto a ponte internacional máis importante (hai un
proxecto, moito máis ambicioso e nunca abordado seriamente, para unir Colonia
con B. Aires).
Tamén cos brasileiros se ten dado
ese trasego político-económico: uruguaianos en procura de porvir na populosa
Sao Paulo (aquí chamada San Pablo) e antano revolucionarios de unha e outra
parte da difusa liña a pediren
asilo en cadanséu país veciño (paradigmáticos foron os “farroupilhas”
decimonónicos republicanos e separatistas do Río Grande do Sul)... eventos,
alén diso, habituais en todas as fronteiras do mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario