Unha de cemiterios!
O Curmán de Undochán
Cruceiro do Cemiterio
central
de Montevideo, co mar
ó fondo
|
Si, mais tentaremos non caer no
puramente necrolóxico… O conto comeza polos xa citados (Crón. 21) irmáns
Fernández Bermello (de Amarante-Maside), residentes en Montevideo desde o
último tercio do XVIII, José (morto en 1819) e Luis, que tiñan vivenda e
comercio de pulpería no trívium existente, aínda hoxe, na
daquela paraxe extramuros do Cardal (actual barrio do Cordón, solar da
primitiva Universidade, agora faculdade de Dereito). Anos despóis estes galegos
instalan nesa encrucillada un cruceiro ourensán, coa única imaxe do Cristo no
que reza: “Año 1800/a devoción de D. Luis y D. José/ Fernández, naturales del
Reino de Galicia”; cruz, popularmente Cristo
del Cordón, que foi trasladada finalmente (1905) e ata hoxe á igrexa do
mesmo nome, máis próxima ao centro urbano.
Detalle do Cruceiro do Cemiterio central
de Montevideo
|
A este sumemos outro cruceiro, este
bifronte, moito máis elaborado, con Cristo e Virxe, que se chantou (1835) polo
supervivinte dos irmáns, Luis, no recén inaugurado Cementerio Central e baixo o cal foi sepultado el (1838). Esta cruz
foi trasladada ao segundo sector do camposanto (1860), non sen antes
(1856-1859) ter acougado os restos (chegados do Paraguai) do prócer José
Artigas, mentres non foi levado ao Panteón Nacional, sito no mesmo recinto (e
actualmente no mausoleo da praza Independencia). Neste cruceiro, cada mes de
xullo, reúnese a nosa colectividade en torno ao que opera como cruceiro dos olvidados. (Outras cruces
hai, todas da segunda metade do século XX, nalgunhas institucións galegas do
país).
“Neste sartego e cru-
ceiro galego rende-
mos homaxe ós galegos
mortos no Uruguai”
|
Máis connacionáis habitantes desta monumental necrópole:
os Fisterra (Crón. 26) do fisterrán Fernández de Castro; o benfeitor Juan
Vicente Arcos (Crón. 10); e as varias xeracións Bermúdez oriundas de Ribadulla;
así como o galego-fillo Julio J. Casal. No citado Panteón tamén xacen Juan
Benito Blanco, o xeneral Aguiar, Juan María Pérez e Acuña de Figueroa, todos
fillos de galego.
Somente nos resta introducirnos na
traxedia en falando de galegos-fillos. En 1858, nun trístísimo episodio desa
convulsionada centuria na que a república moza sufría os vaivéns de todo país
novo, dáse o que se chamou Hecatombe de Quinteros, sendo os seus protagonistas
pasivos recoñecidos posteriormente como os Mártires de Quinteros: militares
pertencentes a un grupo políticamente conservador, alzados contra o presidente
legal da República, foron fusilados no Paso de Quinteros (sobre o río Negro,
departamento de Durazno). Entre os mortos estaban catro que nos motivan agora:
Francisco (Pancho) Tajes, Manuel Freire (e seu fillo Aurelio) e César Díaz.
Panteón
dos Fernández Fisterra:
“Francisco F, Fisterra”
|
Dato extemporáneo:
Nos anos 50 existían nesta capital máis de mil boliches (bares) a cargo de galegos. No ano 2012 aireouse a idea de
declarar “de interés histórico” aos supervivintes, algúns centenarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario