luns, 13 de abril de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (66)



            Os uruguaios escriben sobre Galicia (2)
                                                O Curmán de Undochán

     Aquì, cando se di gallego, a miúdo se está querendo dicir español. Pois, pola contra, cando se di español tede por seguro que, na maioría das veces, se está referindo a galego… dada a grande e incomparábel proporción dos nosos paisanos, entre os peninsulares. Así, opostamente ao que se fixo en Buenos Aires fundando (1943), na localidade bonaerense de Domselaar, o Hogar Gallego para Ancianos… en Montevideo se creou o Hogar Español de Ancianos, finalmente Hogar Español, unha das institucións de saúde de máis alto nivel do país, apoiada polos gobernos español e galego e máis pola Deputación da Coruña. (O mesmo poderíamos atribuir ao Hospital Español -1886- ou á vella Asociación Española Primera de Socorros Mutuos -1853).
     Iniciado este fogar en 1961 na capital uruguaia, a partir da iniciativa do enfermeiro galego Gumersindo Álvarez Blanco, tivo a sua primeira sede na casona “Mi Delicia” –que fora propiedade doutro galego, este de Fisteus-Curtis, Benito Sánchez Seijas, que lle puxo tal nome en homenaxe á sua única filla, casa hoxe abandonada-, pertencente daquela ao estatal Consejo del Niño, será en 1973 cando inaugurará  o actual amplo e arborado emplazamento.
       Dato: en 2005, de 458 ocupantes, 320 eran fillos de Galicia.
     Con tan longo prolegómeno, que nada ten que ver co título desta crónica, tentamos informar sobre ese feito de o español ocultar acotío o galego “que vai por dentro”. Entón, pasemos ao tema do título, poisque queremos, complementando a Crónica 21, dar unha lixeira idea sobre obras, colectivas ou non, dos uruguaianos dedicadas aos galegos como colectividade, mesmo extendéndoas aos españois todos.
     A primeira de que temos noticia é “Los españoles del Uruguay”, de 1918 e da autoría de Valls & Moragues (españois, uruguaios?). É unha desas obras de luxo escritas a petición e co auspicio dos individuos cuxas biografías son incluídas, a maioría comerciantes e industriais, coa infaltábel presenza das autoridades de ambos estados e das institucións españolas locais.
     Chegando a 1950, aparece un opúsculo (de apenas 100 páxinas) debido ao intelectual Juan Carlos Sabat Pebet (1903-1977, pai, por certo, do debuxante Hermenegildo Sabat da Crónica 53), co título “Contribución hispánica a la cultura uruguaya”, baixo o selo editorial da Institución Cultural Española del Uruguay, fundada que fora polo noiés Manuel Senra (1861-1927)… moi protagonizado o texto polos galegos. (Dito intelectual tivo importante vínculo connosco, afiuzado na sua obra “El cantor del Tala” (1929), sobre o ribadense J. A. y Trelles (a) El Viejo Pancho).

     De 1961 é o ensaio de Daniel D. Vidart “Regionalismo y universalismo de la cultura gallega” (capa na Crón. 21). C. A. Zubillaga Barrera (1941), o uruguaio vivo que máis ten escrito sobre Galiza, iniciou a sua bibliografía moza con “Los gallegos en el Uruguay” (1966, capa íd.), que constitúe, por tanto, o primeiro esforzo literario dedicado exclusivamente aos nosos compatriotas, abranguendo un período histórico que culmina co século XIX. (Dese tal ano é a monumental “Los gallegos en la Argentina”, do ourensán Alberto Vilanova Rodríguez –AUVERRE).
O gaiteiro Celestino Pichel 
(Crón. 51) e seu neto uruguaio


Aquel mesmo intelectual, membro de honra da RAG, ten promovido o Centro de Estudios Gallegos (dependente da Facultad de Humanidades y Ciencias), que editou ata 14 volumes do Anuario de Estudios Gallegos (1979-2010), e que podemos considerar, no seu conxunto, a segunda creación ensaística colectiva uruguaia con Galicia como tema.
Hai que chegar a 2009 para termos nas mans outro título. de grande formato, “Galicia en Uruguay”, de Olveira & Naón, onde se trata, con profusión de gravados, o pretérito e a actualidade da presenza galega nesta república. Noventa anos separan estas publicacións, xenerosas en datos e máis que xenerosas en panexíricos, nas que, sen dúvida, se poden atopar valiosos antecedentes (ver ilustración da Crónica 31).

Dato non tan extemporáneo: CAMBADU (confundíbel con Cambados) é a sigla de Centro de Almaceneros Minoristas, Baristas, Autoservicistas y Afines del Uruguay: fundado en 1892, estaba integrado por unha grande maioría de galegos (lembrade: almacén é o ultramarinos). Ao igual que CUTCSA, a empresa privada de transporte colectivo máis importante da capital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario