Por Pepe de Rocaforte
«En
Maio, os narcisos brancos nas colinas dos Avants son tantos, que, vistos de
lonxe, parecen xeada». Así empeza un dos capítulos dun libro de viaxes que
estou lendo nestes días. E continúa: «Hai devotos que veñen de Escocia a Suíza
ver eses outeiros en flor; como hai quen descende de Francia ata o Arno, para
ver abrir as primeiras rosas nas Cascinas de Florencia; ou quen fica ata tarde
no Mediodía de Italia para asistir, no outono, á caída das follas no Campo
Romano [...] Nós non comprendemos que poida haber xente que, de tan lonxe, vaia
ver florecer roseiras, espirse árbores, ou baixe, de Suecia e Inglaterra, ata o
lago de Como para gozar, dous meses ó ano, de recantos de sombra».
Este
libro escribíase entre fins do século XIX e comenzos do XX, cando aínda as
viaxes, de vacacións e de pracer, se facían sen présas, sen atafegos de tempo,
de maneira ben distinta a como se fan desde mediados do século XX ata, polo
menos, hoxe. Non quero dicir que agora non haxa quen colla deportivamente uns
días para ir ver pasar as aves migratorias polas lagoas de Villafáfila. Ou que
se desprace á Antártida para admirar a caída dun glaciar. Ou viaxe ó Serengeti
para escoitar o ouveo dos chacais nas noites estreladas de Tanzania. Todo
depende do ben montada que estea a campaña de publicidade e a forza con que nos
machaquen as meninxes por medio de carteis nas vidreiras das axencias de viaxes
e publicidade en prensa, radio e televisión.
Pensaba
nesas cousas, coa amoladura de ver frustradas dúas excursións programadas para
esta primavera-verao, deixándome como única alternativa a lectura de libros de
viaxes, que non son o mesmo, pero xa sabemos o que pasa cando hai falta de pan.
Tampouco
é que considere o xénero viaxeiro como algo de menor contía, se ben nalgunhas
ocasións o seu nivel é algo inferior ó esixible. Pero tamén ten cousas moi boas
e por se alguén quere ocupar o seu tempo de reclusión cun repaso a esta
literatura indícolle algúns títulos cos que se distraer nestes días. Vexan unha
ducia deles:
La
Biblia en España – George Borrow
La
conquista del horizonte – Wenceslao Fernández Flórez
Viaje
por España – Theophile Gautier
El
viaje – Aldous Huxley
Viaje
de Italia – Leandro Fernández de Moratín
Viajes
y fantasías – Pérez Galdós
Viaje
a las estepas de Astracán y del Cáucaso – Jan Potocki
Peregrinos
apasionados – James C. Simmons
Viaje
sentimental por Francia e Italia – Laurence Sterne
Viaje
por Italia – H. Taine
Roma,
Nápoles, Florencia – Stendhal
A
pié por la “Costa da Morte” - Josep Maria Espinàs
E,
en xeral, (de propina) case todos os libros de Javier Martínez Reverte.
E
aínda que non sei se se deben incluír no xénero de literatura de viaxes, non
podo deixar de recomendar “Viajes imaginarios y reales”, de Álvaro Cunqueiro,
“Diario irlandés”, de Heinrich Böll, e “Al sur de Granada”, de Gerald Brenan.
Palabras maiores todos eles.
Xa
ía dar por rematadas estas liñas cando lembrei que de rapaz, ¡hai tantos anos!,
dous libros en particular, ningún deles do xénero viaxeiro, foron os principais
estimulantes da miña afección ás lecturas de viaxes: “Kim” e “As aventuras de
Huckleberry Finn”. Acáboas de nomear e xa me veñen en trebón á memoria os percorridos
de Kim pola India en compaña do Lama, camiño do Tibet polo Gran Tronco, ou no terén
de Benarés, pola beira do mítico Ganxes. ¿E que direi de Huck Finn, o heroe que
lle arrebatou o posto de favorito meu a Tom Sawyer? Cantas veces soñei con
imitalo, facerme cunha canoa perdida polas beiras do Mississippi, e marchar na
compañía de Jim, o escravo negro, fumando, langreando, cazando e pescando para
comer.
Logo,
cando se cansen de ler, poden volver á tele e seguir a programación de
“Viajar”, máis acorde co estilo turístico de hoxe en día. Tampouco é mala idea,
paréceme a min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario