luns, 27 de abril de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (68)



                                                Dous revolucionarios
                                                            O Curmán de Undochán
Busto de Troitiño na sede do
 sindicato único uruguaio (PIT-CNT)

             Évos do caso a existencia, entre moitas, de duas figuras galegas que, con diversa intensidade, tiveron decisiva actuación neste país na primeira metade do século XX. Un de Moalde-Silleda, Adrián Troitiño (1869-1941), de indubitábel orixe campesina. Outro de Ferrol (1869-1950), membro de familia burguesa. Contemporáneos dos millonarios da Crónica anterior.
A Adrián Troitiño (ver Cróns. 12 e 17) témolo no Uruguai xa en 1904. De filiación anarquista, tornouse dirixente sindical coa creación (1920) do Sindicato de Vendedores de Diarios y Revistas, en defensa dos que, moitos deles rapaces, exercían tal función ambulante, os populares canillitas. (O nome, popularizado polo dramaturgo uruguaio Florencio Sánchez -1875-1910-, creador do moderno teatro rioplatense, na sua obra “Canillita”, de 1904, seguramente fai referencia a aqueles pantalóns de perneira curta, que viñan de anos de uso, sobrepasados polo medre do usuario, deixando a “canilla” (canela) nú). O 26 de maio, data do pasamento de Troitiño é o Dia del Canillita (sen xornais).
Florencio Sánchez
Se ben é esta a realización do galego que o perpetuou no tempo, é bó saber que, antes, en 1880, emigrara (de polizón e con só once anos) a B. Aires, onde xa destacara na organización dos panadeiros, panadeiro el mesmo, sendo deportado (1902) a España xunto con Julio Camba, onde houbo de cumprir servizo militar atrasado na Coruña.
Despóis dunha vida de loita (con cadeas incluídas e que aquí fusilamos sen piedade), xornalista e orador, virou para o socialismo, chegando a actuar como representante dos traballadores uruguaios na Conferencia Latinoamericana del Trabajo (México, 1938), “El Abuelo” (a semellanza do apelido que lle daban ao noso Pablo Iglesias) morre a pouco: a sua foi a primeira homenaxe que o Parlamento do Uruguai lle rendéu a un líder obreiro.
Adolfo Vázquez-Gómez (Crón. 28) é ben coñecido nesa sua terra de orixe, maiormente por man e pluma do investigador José Antonio Durán e tamén lembrado, na sua autobiografía, por seu sobriño-neto Leopoldo Calvo-Sotelo.
 Un mozo Adolfo Vázquez-Gómez                
Librepensador  que en 1892 se exiliou a raíz dunha disputa co arcebispo compostelán, por querer el casar só polo civil –tendo padecido anos atrás outro exilio como republicano-, esta volta con destino a B. Aires, pasando logo a Montevideo, sempre exercendo o xornalismo combativo: publica (1895) “Socialismo y libre pensamiento”, xa vinculado a esta altura coa masonería.
O seu paisano Claudio García
 publicando a Vázquez-Gómez
Adírese (1910) ao recén fundado Partido Socialista, de corte marxista, no que chega a desempeñar cargos de importancia, partido no que sería figura descollante Emilio Frugoni (Crón. 33).
            Tamén houbo mulleres na loita sindical,  amén de feminista, dos primeiros tempos, e mulleres galegas-fillas, tales María Collazo (1884-1942), con activismo iniciado en B. Aires, e Juana (Rouco) Buela (1889-1969), de parella traxectoria, con máis anos esta na capital arxentina, ambas de filiación anarquista.                        

Frase extemporánea: O drama uruguaio do século pasado consistíu, abreviadamente, en que pasou, en poucos anos, de ser país de inmigración a país de emigración.                                       

Ningún comentario:

Publicar un comentario