luns, 31 de agosto de 2020

COUSA DE MEIGAS - 3

 

Por Pepe de Rocaforte


Proseguindo coas impresionantes orxías sabatinas frecuentadas polas meigas, compre aclarar que, á parte da vasoira, estas experimentadas voadoras necesitaban unha untura, ou aceite, que escondían debaixo da pedra da lareira, e que tal vez tivese bastante que ver cos cogomelos con que experimentou Aldous Huxley para as súas “viaxes” particulares das que xa falamos anteriormente.

En fin, fose o que fose, estas deportivas señoras, os sábados que saían de “marcha”, untábanse co marabilloso ungüento os dedos das mans e as dedas dos pés e despois de recitar o painoso que deixamos reproducido a semana pasada subían flechadas pola chaminea cabalgando as súas vasoiras en dirección ó akelarre onde, como xa sabemos, esperaba por elas o Castrón xefe para iniciar a danza, non sen antes escoitar a relación de maleficios, sortilexios e meigallos feitos por cada unha delas no transcurso da semana.

Entre as principais afeccións das meigas, cóntanos don Jesús Rodríguez López que hai algunhas moi beliscadoras e ¡ollo!, porque se unha meiga lle dá un belisco a alguén, o beliscado fica enmeigado sen máis nin máis. Logo hai outras, chamadas “meigas chuchonas”, moi viciosas do sangue dos nenos, a quen rouban para chucharllo. Outras máis transfórmanse en abellóns para picar ós animais e facer moscar o gando. En canto á crenza de que cando unha vaca non dá leite é porque vai de noite unha cóbrega a mamar nela, don Jesús amósanos o noso erro, porque as cóbregas non poden mamar debido a que a configuración da súa boca e o delgado da súa lingua non lle permiten facer o vacío na cavidade bucal, circunstancia imprescindible para chuchar; entón xa sabemos que nestes casos a culpable da perda do leite da vaca é unha meiga que percorre as cortes de noite para lle alixeirar os tetos ás vacas. E como consello neste apartado leiteiro: non convén deixar o leite muxido na véspera de san Xoán, porque de noite veñen as meigas lavar o traseiro nel.


Pero ¡alto aí! Estoume metendo antes de tempo no extenso mundo da meiguería rural e debo pasar antes por algún apartado moi importante. Volvamos á historia logo e botemos man das informacións fornecidas por don Bernardo Barreiro; en primeiro lugar cómpreme dar os nomes das tres primeiras persoas procesadas pola Inquisición en Galicia, que foron Juan Coirón, labrador, veciño de Santa María Magdalena de Montemaior, Catalina Estévez e Dominga da Serra, ambas igualmente labradoras, as dúas veciñas da Encomenda de Viade. Sucedía esto nun ano de fame horrorosa, polo cal, segundo don Bernardo, precisábanse espectáculos para divertir ó pobo e diñeiro para as caixas exhaustas do Santo Oficio.

Ollo outra vez aquí, porque é importante: “A necesidade de diñeiro para as caixas exhaustas”. Fosen de quen fosen. Neste caso di o autor de “Brujos y astrólogos de la Inquisición de Galicia” que “poucos detalles temos sobre estes tres primeiros reos. Apuntamos os seus nomes por seren os primeiros deste xénero” na nosa terra. Porén os seus correspondentes procesos, remitidos ó Consello da Suprema en consulta por conteren extraordinarios delitos, non aparecen no arquivo de Simancas, onde só quedou a carta de remisión firmada polos inquisidores Quijano de Mercado e doutor Alva, sen dúbida por ter sido cualificados e devoltos os correspondentes papeis.

E non é por ter especial interese en saber de que grandes delitos de “maleficios, cerimonias e palabras” eran culpables, senón por me informar da situación económica destas vítimas e darme unha idea de que propiedades dispoñían e a mans de quen foron parar.

O propio don Bernardo Barreiro dános despois unha ampla relación de condenados pola Inquisición en Galicia, da cal entresacarei algúns casos. Pero eso farémolo a semana próxima, se os meigos e meigas nolo permiten e Deus e tódolos Santos queren.

(Continúa)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario